O BNG avisa dunha posible "fraude electoral" co sistema actual do voto por correo

Considera que a Xunta propón este sistema "de forma expansiva, utilizando os traballadores do servizo postal sen que existan as debidas garantías democráticas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O BNG denunciou a posibilidade dunha "fraude electoral" no voto por correo "tal e como a Xunta está a propolo", xa que se trata dunha opción prevista para "casos excepcionais", pero o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo propono "de forma expansiva, utilizando os traballadores do servizo postal sen que existan as debidas garantías democráticas".

Imaxe de recurso de voto por correo
Imaxe de recurso de voto por correo | Fonte: Europa Press.

"O BNG quere denunciar que o voto por correo, tal e como está previsto neste momento, non ten as garantías democráticas. É necesario esixir a orixe e a emisión de todos os votos e non entendemos que se poida dar cabida á posibilidade de que, sen ningún tipo de xustificación, se poida facer un voto masivo a través do persoal de Correos", advertiu a coordinadora de campaña do BNG, Goretti Sanmartín.

Neste sentido, advertiu de que a situación "pode terminar por ser unha fraude electoral, unha 'carretaxe' de votos a través dunha extensión inaudita de voto por correo".

Ademais, o BNG sinalou que as garantías postais "non se dan cun servizo postal que non ten suficiente persoal", como xa advertiron responsables dos traballadores, "nin se xustifica que un procedemento que a lei prevé como excepcional se faga extensible ao conxunto da poboación".

"Por tanto, temos esta perspectiva de que se pode estar a preparar unha fraude electoral, unha carretaxe de votos e non é esa a maneira de proceder a que garante os dereitos básicos, como os da poboación deste país a acudir ás urnas o 12 de xullo", remarcou Sanmartín.

A formación nacionalista insiste en que o voto por correo é un procedemento "previsto para supostos moi concretos", para persoas electoras que non poidan acudir presencialmente o día en que hai cita coas urnas. "Non se pode pretender universalizar ao conxunto da poboación, porque non hai garantías democráticas para poder facelo", aseverou, tanto desde o punto de vista legal como de loxística.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta