Volve o teatro a Galicia tralo confinamento

A Rede Galega de Teatros e Auditorios recupera este venres a súa actividade escénica para o público con funcións en Muros e na Coruña.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/06/2020 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, coa que a Xunta impulsa e cofinancia actividades en 40 municipios galegos, recupera este venres a súa actividade escénica para o público con funcións en Muros e na Coruña.

En concreto, Galeatro Produccións Ecénicas será a primeira compañía en atoparse de novo co público, cunha función de 'Carabela' no Centro Cultural de Muros, este venres, ás 18,00 horas. A ela seguiranlle outras cinco funcións este mes, reprogramadas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña partir do día 19.

Estas citas marcan o arranque da rede, que retomará plenamente a súa actividade a partir de xullo, coa configuración dunha nova carteleira que se prolongará ata o mes de decembro.

Neste próximo período, destacou a Xunta, continuará a recuperación de funcións suspendidas polo peche dos escenarios durante o estado de alarma e ofreceranse novas propostas artísticas, maioritariamente producidas en Galicia.

De feito, a Agadic mantén aberto ata o próximo 8 de xuño o prazo de inscrición de espectáculos e concertos que se ofrecerán aos responsables municipais cunha normativa "flexible e consensuada" para favorecer as contratacións.

Nesta volta aos escenarios, tanto público como persoal técnico e actores e actrices cumprirán os protocolos de seguridade e de ocupación máxima de butacas ditados polas autoridades sanitarias. De feito, esta primeira función en Muros poderá ser presenciada por un máximo de 50 persoas, con reserva previa.

PRIMEIRA ESTREA GALEGA

Despois desta cita, o calendario da RGTA seguirá coas propostas de danza que acollerá na Coruña o Teatro Rosalía Castro, entre as que se inclúe a estrea de 'Dreaming Juliet' os días 19 e 20 de xuño, produción da compañía Elefante Elegante que contou cunha achega económica da Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións da Agadic á creación escénica.

Gonçalo Guerreiro, María Torres, Marta Alonso, Nacho Martín e Miguel Paz subirán ao escenario para presentar un espectáculo que parte do clásico shakesperiano Romeo e Julieta para abordar o amor como tema humano esencial.

A carteleira da RGTA no Rosalía seguirá con tres pezas de danza: 'Thesaurus', a cargo de Ánxela Branco o día 25, 'Ou que segue', de Funboa Escénica e Proxecto Pank en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) o 26 de xuño, e 'Soma', de Javier Martín, tamén en coprodución co CDG, o 27 de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta