Afundación tamén abre este luns as súas salas de exposición da Coruña e Vigo

As salas están adaptadas ás novas medidas de seguridade pola COVID-19.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2020 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

Afundación abrirá o vindeiro luns, 8 de xuño, a sala de exposicións da súa sede da Coruña coa mostra 'Fóra de foco. Artistas foráneos na Colección Afundación', así como a sala de exposicións da súa sede en Vigo, coa mostra 'O noso planeta'.

Ambas as exhibicións foron inauguradas a principios do mes de marzo, lembra Afundación, polo que, debido ás medidas de peche por seguridade sanitaria, estiveron abertas ao público durante moi poucos días. As dúas mostras poderán visitarse de luns a sábado en horario de 17,30 a 21,00 horas. O resto dos espazos expositivos de Afundación iranse abrindo paulatinamente.

'Fóra de foco. Artistas foráneos na Colección Afundación', comisariada por Mercedes Rozas, é unha selección de 34 obras de artistas de fóra de Galicia, como Daniel Canogar, Soledad Sevilla, Broto, Susy Gómez, Chema Alvargonzález, Rita Magalhães ou Mersad Berber, incorporados á Colección de Arte Afundación por "a súa sensibilidade, a beleza das súas obras e a potencia da súa linguaxe".

'O noso planeta', reflexo do compromiso de Afundación "coa sustentabilidade e a protección do medio ambiente", está baseada na serie homónima producida por Netflix.

Tanto os accesos ás sedes Afundación de Vigo e A Coruña, como a circulación dentro dos espazos expositivos, foron adaptados á normativa fixada polas autoridades sanitarias para a Fase 3. Así, o aforamento estará limitado ao 50%, reforzaranse os servizos de limpeza, modificarase o sistema de entrada e saída para garantir a distancia de seguridade e potenciarase a consulta da documentación en liña. Os elementos interactivos das mostras adaptáronse tamén para manter a potencia visual, eliminando as aplicacións táctiles.

Exposición «O noso planeta»
Exposición «O noso planeta» | Fonte: Afundación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta