Amplían o prazo do voto por correo mentres que os carteiros non poderán entrar en residencias de maiores

A Xunta Electoral Central entende que non ha lugar a "arbitrar medidas adicionais extraordinarias que flexibilicen, aínda máis, o garantista procedemento de voto por correo", como pedían os gobernos galego e vasco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2020 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O prazo para o voto por correo será máis amplo e estenderase ata o 10 de xullo, ata as 14 horas, co obxectivo de garantir que estea dispoñible nas mesas electorais o propio día dos comicios, o domingo 12, unha decisión que vén tomando de forma habitual nos últimos procesos electorais, ante o volume que xestiona a empresa postal.

Pero esta flexibilización quedouse na ampliación do prazo e en que, os carteiros, poderán recoller no domilicio os votos dos electores, inclusive o mesmo día en que entregan a documentación nas casas, de forma que os cidadáns poden exercer o seu dereito sen saír dos seus domilicios para o 12 de xullo.

Con estas medidas, a xunta electoral central entende que non ha lugar a "arbitrar medidas adicionais extraordinarias que flexibilicen, aínda máis, o garantista procedemento de voto por correo", como pedían os gobernos galego e vasco.

Deste xeito, decaeron as outras peticións que fixera a Xunta para a solicitude do voto por correo. Concretamente, o Goberno galego interesara que se fixese un protocolo para o voto dos usuarios de residencias de maiores, persoas enfermas ou persoas en situación de illamento preventivo, similar ao que se emprega nos centros penais.

Así, a idea era que os directores ou xerentes das residencias poderían solicitar que un funcionario se desprace cos impresos de solicitude necesarios para que sexan cumprimentados alí mesmo polos usuarios que queiran votar. Posteriormente, o funcionario de Correos entregaría persoalmente sóbrelos e papeletas ás persoas que o solicitasen e que, á súa vez, farían entrega do seu voto de forma persoal.

No entanto, a xunta electoral sinala que "cabería articular novas medidas se a evolución da pandemia, das fases de desescalada programadas ou outras circunstancias novas así o aconsellasen".

OS CARTEIROS, EN CONTRA

Antes da resposta dada pola xunta electoral central, con data do 3 de xuño, os representantes dos traballadores do servizo postal reuníronse coa dirección da súa empresa, que lles comunicou a decisión anterior de recollida do voto nos domicilios.

Os sindicatos aínda esperan que Correos lles envíe un protocolo para o proceso electoral deste mes de xullo, pero xa lle expresaron a súa posición en contra a ter que entrar nas residencias de maiores ou domicilios particulares para a realización dos trámites.

Este xoves volveron a ter un encontro coa dirección da empresa, pero aínda non se lles trasladou as medidas de seguridade sanitaria e legal para realizar a recollida de solicitudes, entrega de documentación e recompilación de votos dos electores.

REXEITADA A CHAVE365

Doutra banda, a xunta electoral tampouco aceptou aumentar as fórmulas de identificación dos cidadáns, que poderán presentar o DNI electrónico ou os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria para solicitar, vía telemática, o voto por correo sen desprazarse ás oficinas.

A Xunta propuña que, na propia web de Correos, tamén se puidese utilizar o sistema de identificación Chave365 ou o sistema cl@ve, pero non foron incorporados.

PRAZOS AMPLIADOS

O que si decidiu a xunta electoral é ampliar os prazos para exercer o dereito a voto por correo, en concreto, ata o 10 de xullo ás 14.00 horas, aínda que pide "extremar a dilixencia" para asegurar que os sobres co voto poidan entregarse o día da votación nas respectivas mesas electorais, dentro dos prazos legalmente establecidos, así como a dar a máxima difusión desta decisión.

Igualmente, a xunta electoral acordou ampliar ata o día 16 de xuño o prazo de solicitude á oficina do censo electoral do voto dos electores residentes de forma permanente no estranxeiro (CERA) e dos electores residentes temporalmente no estranxeiro (ERTA).

Neste sentido, amplía o prazo do envío por correo aos consulados do voto dos electores inscritos a CERA ata o sábado 11 de xullo e ata as 20.00 horas do domingo 12 no caso do depósito do voto en urna nos consulados.

Doutra banda, no caso do persoal militar, a JEC autorizou a ampliación ata o 9 de xullo do prazo para o depósito nas oficinas de Correos do voto por correo para o persoal quen se atope navegando ou fóra do territorio nacional.

Imaxe de recurso de voto por correo. EUROPA PRESS - Arquivo
Imaxe de recurso de voto por correo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Acaban de perder unha oportunidade única para o famoso Cambio Dixital do que tanto falan e tan pouco concretan... Chave365 e cl@ve son válidos para a Declaración da Renda pero NON para o dereito ao sufraxio (?) A ver se algún listo é capaz de explicar esta negativa ridícula !!!