A Deputación de Pontevedra organiza visitas guiadas a 'Bosques terapéuticos'

O programa consiste en 30 visitas que comezarán en xullo e finalizarán en setembro.

Por E.P. | Pontevedra | 05/06/2020 | Actualizada ás 16:54

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a iniciativa 'Bosques terapéuticos' que consiste en 30 visitas que comezarán en xullo e finalizarán en setembro, nas que as persoas participantes empregarán os seus sentidos nestes "baños de bosque" para "descubrir texturas ou cheiros e conseguir así o benestar".

Rolda de prensa da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Rolda de prensa da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

"Serán 30 visitas, cun total de 450 prazas, en cinco parques forestais", sinalou a presidenta provincial, á vez que mostrou a súa intención de participar nelas. "Darémonos baños de bosque ligados ao noso patrimonio, no que a cultura ten que estar presente", abundou.

As visitas guiadas a espazos naturais son unha "aposta segura", afirmou, en canto á oferta de actividades de lecer. Carmela Silva indicou que nestes momentos tan "excepcionais" fai falla aínda máis "reformular a relación entre as persoas e a natureza", e unha boa forma de facelo é a partir do achegamento ao patrimonio local, aos parques forestais da provincia de Pontevedra. "Queremos crear outra cultura e defendemos o que amamos", aseverou Silva.

Estas visitas guiadas mesturan natureza, exercicio, cultura, historia e saúde; combínase unha ruta guiada interpretativa coa posta en valor dos beneficios recibidos desde o enfoque dos "bosques terapéuticos".

O obxectivo principal das visitas guiadas é dar a coñecer os cinco parques forestais seleccionados e experimentar, en primeira persoa, algúns dos principais beneficios que ofrecen estes espazos naturais desde o punto de vista físico, pero tamén emocional e social.

MÁIS OFERTA

Ademais con esta proposta danse a coñecer algúns dos parques forestais da provincia de Pontevedra como espazos de lecer para a cidadanía e auméntase a oferta de actividades turísticas e de lecer máis adecuadas aos tempos actuais de situación sanitaria excepcional, indicaron.

As visitas guiadas están destinadas ao público xeral, que deberá desprazarse ata o lugar de encontro de comezo da ruta polos seus propios medios. Polas especiais características das rutas nas que se realizará algún tipo de dinámica relacionada cos bosques terapéuticos, as persoas participantes, tanto adultas como nenos (cun acompañante responsable), deberán gardar, en todo momento, as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas polo guía .

As visitas guiadas levarán a cabo en cinco parques forestais da provincia de Pontevedra: Cabo Udra (Bueu), Freaza (Fornelos de Montes), Costa de Oia e Serra da Groba (Oia), A Picaraña (Ponteareas), Camposancos (A Guarda). Terán lugar entre o 18 de xullo e o 27 de setembro.

As persoas interesadas en participar deben facer a inscrición a través do formulario en liña que xa está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta