En Marea chama a que na "nova normalidade" o coidado do medio ambiente sexa "base" da acción gobernamental

"Toda a política ten que ser ambiental, social e feminista", reivindican.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/06/2020 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

En Marea realizou un chamamento a que na 'nova normalidade' o coidado do medio ambiente e as políticas de loita contra o cambio climático sexan a "base" da acción gobernamental, xa que a crise do coronavirus evidenciou que no "dilema" entre "a bolsa e a vida" que expuxo entre saúde e economía, a sociedade elixiu a primeira.

Co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, o coportavoz de En Marea, Pancho Casal, sinalou que a "cuestión ambiental" será o alicerce sobre o que pivote o programa da coalición Marea Galeguista, na que participa o partido.

Pancho Casal
Pancho Casal | Fonte: En Marea.

Casal incidiu en que é "inescusable" que a nova normalidade "sexa máis sustentable" e así avanzar cara a unha transformación xusta do modelo enerxético e un "cambio de paradigma na maneira de enfocar este tipo de políticas".

O xeólogo ambiental e membro do Consello das Mareas Iván Rodríguez reivindicou un medio ambiente "san" que forme "a base fundamental" da vida porque "non se trata de facer unha política ambiental, senón que toda a política ten que ser ambiental, social e feminista".

Deste xeito, considerou que este camiño debe realizarse en Galicia a través dun "reforzo da inspección e o control ambiental", unha transición da produción agraria cara ao cultivo "agroecolóxico" e unha "maior educación ambiental".

Por todo iso, En Marea considera que "xa" é o momento de "dicir a verdade" á cidadanía e actuar de forma "democrática" de cara a tomar medidas que supoñan minimizar as consecuencias do cambio climático.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta