O BNG propón unha axenda urbana baseada no "modelo Pontevedra" para afrontar a emerxencia climática

Os principais criterios que se incluirán na proposta de Axenda Urbana do Bloque pasan pola minimización da contaminación urbana de todo tipo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/06/2020 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, propuxo este venres unha 'axenda urbana' baseada no "modelo Pontevedra" para afrontar a emerxencia climática e a crise sanitaria.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG.

Acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo cabeza de lista por esta provincia, Luís Bará, a líder nacionalista comprometeuse a que, "se o 12 de xullo os galegos e as galegas dan ao BNG a capacidade para liderar o Goberno", porán en marcha o primeiro ano unha axenda urbana en Galicia.

Para Ana Pontón a cidade do Lérez é unha "referencia de cambio transformador" desde o punto de vista ecolóxico, "un exemplo internacional" co seu modelo que pon as persoas no centro e que "aposta pola sustentabilidade e por espazos públicos máis amables a unha escala humana".

Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, Ana Pontón anunciou que a Axenda Urbana que propón o BNG está orientada a conseguir a "gran transformación que requiren todas as cidades e as distintas localidades no país" e que o exemplo de Pontevedra "é un aval e unha garantía" de que o nacionalismo pode conseguir ese obxectivo porque ten "unha experiencia importante". "Estamos preparados para gobernar", aseverou.

REDUCIR A CONTAMINACIÓN

Segundo detallou Ana Pontón os principais criterios que se incluirán na proposta de Axenda Urbana do BNG pasan pola minimización da contaminación urbana de todo tipo, a redución efectiva das emisións de gases de efecto invernadoiro e tamén medidas para lograr que os asentamentos humanos sexan cómodos, agradables e seguros, con especial énfase na "actualmente moi deficitaria seguridade viaria".

Ademais, o Bloque avoga pola compostaxe da fracción orgánica, limitar a ocupación indiscriminada do territorio e por reducir o consumo de enerxía dos servizos urbanos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta