Terceiro día consecutivo sen falecementos relacionados coa pandemia en Galicia

O número de vítimas mortais ligadas á COVID-19 mantense en 618.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2020 | Actualizada ás 21:02

Comparte esta noticia

Os hospitais galegos non comunicaron este sábado, por terceiro día consecutivo esta semana, ningún falecemento vinculado coa pandemia do coronavirus. As dúas últimas mortes foron notificadas o martes e o mércores. En total, en Galicia o número de falecidos ligados coa COVID-19 ascende a 618.

Desta forma, o Sergas constata que desde o inicio da pandemia morreron 486 persoas en atención hospitalaria e 132 dentro de residencias de maiores.

A PRIMEIRA VÍTIMA, O 14 DE MARZO

A primeira vítima mortal deste virus rexistrouse o 14 de marzo, unha muller de 92 anos que se atopaba ingresada no Hospital Povisa de Vigo. Nesa mesma xornada producíase tamén a morte dun home de 81 anos ingresado en Pontevedra e que deu positivo na proba de COVID-19.

Neses días, os primeiros da alerta sanitaria en Galicia, nos que a comunidade contaba con menos de 300 casos activos, houbo dúas xornadas nas que non se rexistrou ningunha morte hospitalaria, o 15 de marzo e o 17 de marzo.

A partir do 18, cando as vítimas mortais en Galicia ascendían xa a catro persoas, os hospitais da comunidade comunicaron falecementos todos os días, agás en 13 xornadas, incluído este sábado.

Imaxe de cama dun hospital.. EUROPA PRESS - Arquivo
Imaxe de cama dun hospital.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta