Celebrar o Día Mundial dos Océanos limpando a praia de Bens, "unha das máis contaminadas de Galicia"

O colectivo Mar de Fábula apela á concienciación social, ao fomento da reciclaxe, á redución dos plásticos e á correcta separación dos residuos nos fogares. Temen que as luvas e máscaras se convirtan no novo lixo mariño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2020 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O colectivo ambiental Mar de Fábula convocou para mañá,  Día Mundial dos Océanos, unha actividade de limpeza da praia de Bens, na Coruña, a partir das 11,00 horas. Esta acción reivindicativa, que conta co apoio da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, limitarase á participación de 15 persoas previamente inscritas, que manterán a distancia de seguridade, ademais de protexerse con máscaras e luvas.

Para o desenvolvemento desta iniciativa, que supón a undécima limpeza deste enclave costeiro no últimos catro anos, Mar de Fábula tamén contará coa colaboración da Concellaría de Medio Ambiente da Coruña, que facilitará dous colectores de 800 litros para depositar os residuos que se recollan.

Precisamente, a última actividade organizada por esta asociación antes da declaración do estado de alarma sanitaria tamén se realizou neste areal coruñés, o pasado 7 de marzo, co resultado duns 450 quilos de lixo retirados, dos cales uns 250 quilos corresponderon a restos de toalliñas mesturados con outros residuos téxtiles, aos que se sumaron aplicadores de tampóns e compresas, cabichas, pilas e solas de zapatos, entre outros.

En declaracións a Europa Press, o fundador de Mar de Fábula, Xosé Manuel Barros, referiuse a Bens como "unha das praias máis contaminadas de Galicia e o patio de atrás" da cidade, a pesar da beleza deste enclave. Barros atribuíu esta situación á presenza de residuos industriais "perigosos" procedentes dun polígono próximo, xunto con material hixiénico-sanitario, augas residuais, plásticos e outros materiais prexudiciais.

MALOS TRATOS AO MAR

Xosé Manuel Barros denunciou estes "malos tratos do mar" e esixiu ás industrias situadas nas proximidades de Bens "que desenvolvan a súa actividade sen causar danos ao medio ambiente, que non é un sumidoiro de lixo". Neste sentido, o obxectivo de Mar de Fábula é desenvolver un proxecto que permita "saber cales son os causantes desa contaminación e que se corte" para poder "recuperar a praia de Bens para o goce da cidadanía".

Tres meses despois de que a actividade ambiental desta organización quedara suspendida polas medidas de confinamento, Barros sinalou que mañá a pé de praia comprobarase se as luvas e as máscaras que a poboación utiliza actualmente para protexerse do contaxio do coronavirus forman parte do lixo mariño. "Ante a traxedia mundial" da COVID-19, Barros criticou o "uso incorrecto e irresponsable", propio dun comportamento que tachou de "anacrónico", dos elementos de protección, en alusión a quen os tiran ao chan.

Por iso, apelou á sensibilización cidadá, o fomento da reciclaxe, a redución do uso dos plásticos e a correcta separación dos residuos nos fogares. Desde que fai sete anos Mar de Fábula comezase a súa traxectoria limpando as praias da Costa da Morte e ampliando o seu ámbito de actuación á área metropolitana da Coruña, tamén destinou parte da súa actividade a desenvolver talleres de creación artística e artesanal reutilizando os materiais retirados do mar e depositándoos nas súas instalacións de Camelle, onde realizan actividades de educación ambiental.

RESIDUOS E ARTE

Outra das iniciativas canceladas pola epidemia o pasado mes de marzo foi a exposición 'Mar de plástico', en colaboración co colectivo artístico Retoque Retro, a base de pezas elaboradas con "crebas" ou obxectos procedentes dos areais, arrastrados polas mareas. A pesar de que xa estaba instalada no Centro Cultural Universitario do Campus de Ferrol, "non chegou a inaugurarse", lamentou o escultor Javier Serantes.

"Antes da pandemia notábase cada vez máis concienciación co problema dos plásticos", afirmou o portavoz de Retoque Retro, que tamén suma sete anos desde a súa posta en marcha, primeiro no ámbito da transformación de mobiliario para decoración e actualmente como limpadores de praias -tamén coñecidos como "crebeiros" ou "beachcombers"- e artífices de creacións artísticas elaboradas cos plásticos, as madeiras e outros obxectos que recuperan. "O problema do plástico é desfacerse del, darlle outro uso", explicou Serantes.

Segundo un estudo da científica americana Jenna Jambeck, uns oito millóns de toneladas de plástico acaban cada ano nos océanos e, co aumento no consumo deste material, un informe da Fundación Ellen MacArthur elaborado en 2016 calculou que en 2050 o volume do plástico no mar superará o dos peixes; datos que recolle a bióloga portuguesa Ana Pêgo --da colectivo Brigada do Mar, integrado nunha rede internacional de "beachcombers"-- no seu libro 'Plasticus maritimus'.

PRÓXIMAS ACTIVIDADES

Javier Serantes espera que a evolución da situación sanitaria permita celebrar o outubro o V Encontro Internacional de Lixo Mariño "Crebeiros no Mundo - Beachcombers around the world", organizado conxuntamente por Retoque Retro, Mar de fábula e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), que vén reunindo no Castelo de Santa Cruz non só a expertos galegos e do resto de España, senón tamén de países como Francia, Italia, Noruega e Portugal.

Pola súa banda, Mar de fábula tamén mantén para o terceiro fin de semana de setembro a celebración do Día Internacional da Limpeza de Praias, que consistirá nunha acción de "macrolimpeza" das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, na Coruña.

A organización Mar de fábula nunha xornada de recollida de plástico. MAR DE FÁBULA
A organización Mar de fábula nunha xornada de recollida de plástico. MAR DE FÁBULA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta