GC Aberto

Enmascarados ou desenmascarados?

Quen vai enmascarado erra na súa percepción do risco porque cre que non lle pode ocorrer nada. Así mesmo, equivócase ao descartar a posibilidade de contaxiarse a través da conxuntiva ocular, porta de entrada da infección que os expertos omiten á opinión pública.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 10/06/2020

Comparte esta noticia

A «Orde SND/422/2020, do 19 de maio, pola que se regulan as condicións para o uso obrigatorio de máscara durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19» no seu artigo 3 decreta o seguinte: «O uso de máscara será obrigatorio na vía pública, en espazos ao ar libre e en calquera espazo fechado de uso público ou que se atope aberto ao público, sempre que non sexa posíbel manter unha distancia de seguridade interpersoal de polo menos dous metros».

Unha rapaza pasea coa máscara posta pola rúa de Príncipe, en Vigo © Miguel Núñez
Unha rapaza pasea coa máscara posta pola rúa de Príncipe, en Vigo © Miguel Núñez

Este texto abriu un vivo debate sobre que medida proporciona unha maior seguridade para protexernos do SARS-CoV-2: a distancia social ou a utilización de máscaras buconasais.

Os políticos, epidemiólogos e virólogos, para curarse en saúde, impuxeron ambas. En teoría semella ser a mellor opción, pero un investigador non pode quedar na aparencia, senón que ten que observar que sucede cando levamos a teoría á práctica.

E o resultado da observación é frustrante: a xente que porta máscara comete erros en verdade perniciosos:

Quen vai enmascarado erra na súa percepción do risco porque cre que non lle pode ocorrer nada. Así mesmo, equivócase ao descartar a posibilidade de contaxiarse a través da conxuntiva ocular, porta de entrada da infección que os expertos omiten á opinión pública.

Os que usan máscara aproxímanse en exceso ao dependente que está detrás dun mostrador; camiñan en paralelo por beirarrúas e vías ocupando todo o seu ancho; súbena e báixana continuamente asíndoa pola cara externa: ao fumar, para dirixirse a alguén coñecido, porque lles dá calor, por fartura...

Pero fan aínda máis: introdúcena no peto, lévana na man e até a colocan no cóbado cando non perciben perigo; e cando o aprecian vístena. Logo tornan a quitala. Como é obvio, se na situación de risco se contaminou e despois a manipulan, a propagación do mal é ben plausíbel.

Nas terrazas dos bares recén reabertas isto é o que acontece: en cada praza hai dous, tres ou catro comensais. Polo xeral, todos eles teñen a súa máscara sobre a mesa ou baixo o queixo mentres departen amigabelmente. Ao terminar as consumicións levántanse, colócana e vanse. É dicir; mentres están sentados tomando algo e charlando, durante un tempo prolongado e apenas afastados, que é cando existe maior perigo, non a levan posta; e cando a probabilidade de contaxio diminúe, póñena.

É un despropósito colectivo: os gobernantes finxen ordenar o correcto e os cidadáns simulan que o cumpren.

Por conseguinte, a medida preventiva que aporta unha protección real é manter a distancia interpersoal de dous metros; como mínimo. Contra ela, porén, adúcese que mesmo na vía pública non é factíbel adoptar tal precaución pois nas beirarrúas non só se necesitan dous metros por diante e dous por detrás, senón outros tantos á esquerda e á dereita.

A esta cuestión cabe responder que a xente ten que adaptarse á «nova normalidade»: xa non se pode camiñar á beira de ninguén. Hai que desprazarse dun en un mantendo a citada separación; a lonxitude das beirarrúas permíteo. E andar con tranquilidade, porque por cruzarnos con outros non se nos pega nada ao ser encontros mudos (de boca fechada non saen virus). Acaso, se estabelecemos unha breve conversa, poderíamos infectarnos cunha cantidade reducida de virións; mais sen chegar a padecer a Covid-19.

Pero é posíbel infectarse e non enfermar? Se entendemos por enfermar o feito de manifestar signos e síntomas, si. É o que acontece cos chamados «portadores sans».

Estas persoas non sofren ningún malestar nin se lles atopa patoloxía orgánica. Por que? Porque ingresan unha carga viral inferior á denominada «dose mínima infectiva» (cuxa magnitude se descoñece e é diferente para cada individuo), motivo polo cal a inmunidade innata é capaz de destruír todos os virus antes de que invadan unha proporción relevante de células diana. Aínda que esta clase de portadores non manifesten alteración ningunha adquiren inmunidade competente fronte ao SARS-CoV-2, mais ignoramos a súa duración.

Debido á sutilidade do contaxio, os portadores sans non saben determinar onde e como ocorreu. Poderían ter incorporado o patóxeno durante unha (ou varias) sucinta interlocución ou intercambio, en absoluto sospeitosos e inidentificábeis, con alguén infectado. Tamén ao manipular algún obxecto contaminado de uso común e a continuación tocar a boca, o nariz ou os ollos; de aí a dificultade para pescudar a orixe da transmisión.

En conclusión; existen dúas estratexias de prevención da covid-19: unha axustada á realidade e á praxe cotiá, e outra allea a elas. Cada quen debe valorar ámbalas dúas e adoptar a que considere oportuno, sempre que se vexa capacitado e posibilitado para implementar de forma estrita e constante a técnica aséptica indispensábel para portar máscara sen contaxiarse el nin aos seus concidadáns.

Evitar a enfermidade é responsabilidade de cada un de nós. De non logralo, a falla dunha vacina inocua e efectiva, contribuiremos a acadar a inmunidade de grupo, que vén ser a translación ao ámbito da saúde pública do principio utilitarista do maior ben para o maior número.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta