Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 08/06/2020 | Actualizada ás 17:18
Varios pediatras insistiron no número "baixo" de menores en idade pediátrica contaxiados en Galicia, pero apelan a cumprir coas medidas hixiénicas e de distancia social fixadas polo Goberno para previr o contaxio do coronavirus.
"Tivemos moi poucos casos de Covid", sinala o xefe do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Jerónimo Pardo, en referencia a esta área sanitaria, onde só houbo tres menores ingresados.
"Evolucionaron moi favorablemente e están en casa", destaca sobre os mesmos. Como nos adultos, lembra que os síntomas son "a febre e a clínica respiratoria", pero subliña que non se atoparon casos de insuficiencia respiratoria tan graves como os detectados en adultos.
Por todo iso, traslada unha mensaxe de tranquilidade aos pais, aínda que insiste en cumprir as medidas de prevención. "Hai que seguir as disposicións das autoridades sanitarias", engade. Entre elas, lembra "a distancia social, o uso de máscaras en nenos que a poidan usar ou a hixiene de mans".
En similares termos, pronúnciase a presidenta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap), Amparo Rodríguez, quen insiste en cumprir coas medidas hixiénicas e de distanciamento social. "Hai que estar contentos porque estamos a avanzar, pero hai que ser cautelosos", apostila.
Mentres, coincide no número "moi baixo" de casos de menores en idade pediátrica contaxiados en Galicia, aínda que apela a porse en contacto co pediatra ou os servizos de urxencia no caso de que así se estime conveniente en base aos síntomas que presente o menor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.