Temas: FARIñA O GROVE

O exalcalde do Grove, condenado a pagar 16.000 euros polo secuestro cautelar do libro 'Fariña'

José Alfredo Bea Gondar deberá indemnizar o xornalista Nacho Carretero e a editorial Libros del K.O.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 08/06/2020 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Madrid condenou o exalcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar a indemnizar unha suma de 16.000 euros ao xornalista Nacho Carretero e a editorial Libros del K.O. polas perdas das vendas do libro 'Fariña' sobre a historia do narcotráfico galego como consecuencia do secuestro cautelar que mantivo paralizada a súa comercialización.

Fariña.
Fariña.

Así consta nunha sentenza na que a Sala acorda estimar o recurso de apelación interposto por Carretero e a citada editorial contra o auto de data 12 de novembro recaído en incidente de liquidación de danos e prexuízos derivada da peza de medidas cautelares do Xulgado de Primeira Instancia nº 7 de Collado Villalba.

O exalcalde demandou en 2018 a Carretero e á editorial por suposta "vulneración de dereito á honra" pola inclusión do seu nome nas páxinas 234 e 242 de Fariña, solicitando que se condenase aos demandados a pagar 500.000 euros en concepto de indemnización por "danos morais" e "prexuízos" e a retirar en futuras edicións do libro calquera mención sobre a súa persoa. A denuncia foi desestimada.

En novembro de 2019, o xuíz de Collado rexeitou a demanda da solicitude de liquidación de danos formulada pola editorial e polo xornalista como consecuencia das perdas en vendas polo secuestro cautelar do libro, que se acordou en febreiro de 2018 e o que impediu que se publicasen máis exemplares.

Agora, os maxistrados da Audiencia revogan dita resolución e no seu lugar condenan o exalcalde a abonar en concepto de indemnización de danos e prexuízos ocasionados aos solicitantes do presente incidente pola medida cautelar de secuestro acordada. Deste xeito, deberá abonar 3.437,96 euros ao autor do libro e 13.042 á editorial Libros del KO.

Os maxistrados sinalan na sentenza que "houbo perda de vendas imputables á medida cautelar acordada, que se deben estimar prudencialmente tendo en conta os dous efectos multiplicadores, a publicidade do secuestro e a emisión da serie televisiva, nun cincuenta por cento das calculadas pola parte actora, isto é 29,61/2 exemplares por cada día de secuestro, a salvo de proba de maiores prexuízos".

Ademais, sinala que debe considerarse como prexuízo a perda das vendas que non se puideron levar a cabo nas feiras do libro que se celebraron nas cidades de Madrid e Barcelona, onde a previsión era de vender 101 exemplares.

Fontes da editorial mostraron a súa satisfacción por esta resolución xudicial, que é firme e que acredita os danos e prexuízos xerados pola medida cautelar que impediu a venda durante tres meses do libro.

Ademais, a decisión da Audiencia Provincial permítelles encarar con optimismo a causa pola demanda de suposta vulneración da honra cursada polo exalcalde, que está agora no ámbito do Tribunal Supremo, ao recorrerse a desestimación inicial decretada en 2018.

Temas: FARIñA O GROVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ogallá o Supremo remate esta faena e peche a boca dos que pretenden seguir pechando a boca dos demáis... Un paso adiante na democracia en Galicia (gracias a un xornalista) os partidos políticos caladiños (non vaia a ser o demo!) https://twitter.com/00Gamela/status...