CC.OO. e UGT esixen unha investigación e "datos reais" sobre a xestión de residencias durante a pandemia

Queren saber "se houbo directrices para que os maiores non fosen trasladados a centros sanitarios".

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 09/06/2020 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Os sindicatos UGT e CC.OO. reclamaron este martes, cunha concentración ante a delegación da Xunta en Vigo, a apertura dunha investigación para coñecer as "responsabilidades" e os "datos reais" da xestión das residencias durante a pandemia de COVID-19.

Concentración de UGT e CC.OO. , ante a delegación da Xunta en Vigo, para reclamar investimento en políticas de dependencia e residencias públicas de maiores, e para esixir unha investigación pola xestión dos centros durante a pandemia de COVID-19
Concentración de UGT e CC.OO. , ante a delegación da Xunta en Vigo, para reclamar investimento en políticas de dependencia e residencias públicas de maiores, e para esixir unha investigación pola xestión dos centros durante a pandemia de COVID-19 | Fonte: Europa Press

A secretaria comarcal de CC.OO., Amelia Pérez, denunciou a falta de políticas públicas de dependencia por parte da Administración autonómica e esixiu "saber os datos reais da pandemia, a listaxe de falecidos nas residencias e se houbo directrices para que os maiores non fosen trasladados a centros sanitarios".

Amelia Pérez lamentou as consecuencias da "mala xestión" e mesmo das "neglixencias" por parte da dirección dalgunhas residencias, e reclamou "máis transparencia e investimento público en dependencia". "Que se deixe de beneficiar a empresas privadas, como DomusVi", engadiu.

Pola súa banda, o secretario comarcal de UGT, Ernesto Fontanes, constatou que, "desde que chegou Feijóo á Xunta non se investiu un euro en residencias públicas" e o que se fixo é "desviar recursos públicos cara a empresas privadas". "Desgraciadamente vimos o que puxo de manifesto esta pandemia: a ausencia dunha rede pública como deus manda e as carencias que teñen as residencias privadas", aseverou.

O responsable do sindicato de pensionistas de CC.OO., Tito Ucha, lembrou que, nos últimos anos, levouse a cabo un proceso de "privatización" que afectou a atención aos maiores, con medidas como a desaparición do Consello de Persoas Maiores ou da sociedade semipública Sogaserso, e a "potenciación de empresas privadas" que deu lugar á construción "do imperio que é DomusVi".

O portavoz dos pensionistas en UGT, Juan Fontenla, incidiu en que "a algún se lle debería caer a cara de vergoña" polo que pasou nas residencias de maiores durante a pandemia, e denunciou que a Xunta "non dá a cara". 

Os representantes dos sindicatos entregaron este martes unha carta dirixida á ata agora delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro (cesou para concorrer na candidatura do PP ás eleccións autonómicas), para volver solicitarlle unha reunión na que abordar as políticas de dependencia e atención aos maiores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta