Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/06/2020 | Actualizada ás 13:51
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defende a decisión de atrasar ata xullo en Galicia a apertura de discotecas e locais de lecer nocturno para "non demonizar" o sector no caso de que se produzan rebrotes de coronavirus nestes establecementos.
"Comprendo perfectamente a un sector que estivo especialmente castigado durante a pandemia", dixo Feijóo, pero sinala que "as prácticas" que "se producen nunha discoteca, nunha sala de festas ou nun bar nocturno" teñen "un risco superior a outras condutas que se producen noutros establecementos".
Neste sentido, lembra que só se podería abrir "un terzo" dos locais "sen que haxa actividade de baile". "Entendemos que entre isto ou permanecer pechados non hai moita diferenza desde o punto de vista económico", apostila.
Ademais, o titular do Goberno galego remarca que desde o luns incrementouse a mobilidade "dunha forma definitiva" en Galicia, polo que pensa que "o correcto" son as "cautelas" no lecer nocturno, pois as persoas "xa están a circular sen limitacións". "Empezamos xa a recibir turistas", di, xa que "non hai que ver máis que algunhas ocupacións en costa".
Sabe que "están a pasar un momento dunha enorme tensión económica, levan moitos meses sen facturar, tiveron que aguantar o aluguer dos seus locais, tiveron que pagar impostos locais", unido a pagar nóminas ou facer un ERTE.
"Se no caso de abrir este sector de forma anticipada se producen rebrotes nestes establecementos si quedarían definitivamente tocados durante moitos meses", deixa claro Núñez Feijóo.
Así mesmo, sinalou que a Xunta se reunirá este xoves co sector para ver como "enfocar un futuro próximo cunhas maiores certezas".
O obxectivo é "seguir traballando en próximas semanas" para ver como abrir "con seguridade" nestes establecementos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.