Temas: BNG PP PSOE CATOIRA

O socialista Alberto García recupera a Alcaldía de Catoira malia o fracaso da moción de censura co PP

A moción frustrouse coa dimisión do anterior alcalde, Xoán Castiñeiros (BNG). O novo rexedor di que a súa intención é a de esgotar o mandato.

Por Europa Press / Redacción | Catoira | 09/06/2020 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Un ano despois das eleccións municipais de 2019 o que fose alcalde socialista de Catoira, Alberto García recuperou a Alcaldía malia o fracaso da moción de censura presentada a finais do pasado mes despois dun acordo do seu grupo co PP local.

Alberto García (dereita) e Iván Caamaño.
Alberto García (dereita) e Iván Caamaño.

Na votación celebrada no pleno da corporación tras o debate da moción de censura o pasado mes de maio, frustrada coa dimisión do anterior alcalde Xoán Castiñeiros (BNG), ningún dos candidatos obtivo a maioría absoluta. En concreto, García contou cos votos a favor de catro concelleiros do PSOE, xa que o quinto, Roberto Bouzón, se abstivo. Os tres concelleiros do BNG e os tres do Partido Popular votaron polos seus respectivos candidatos.

Con este resultado, Alberto García foi proclamado alcalde como candidato da lista máis votada. García ostentara o bastón de mando de Catoira durante máis de 30 anos ata que o apoio dos tres edís do PP ao candidato de BNG (ten outro tres concelleiros) na sesión de investidura desbancárono da Alcaldía.

"Hoxe volvín á Alcaldía porque así democraticamente o quixeron os veciños de Catoira", manifestou Alberto García nada máis tomar o bastón de mando. O rexedor sinalou que a súa intención é a de esgotar o mandato, "aínda que no camiño sempre poden xurdir circunstancias imprevisibles".

"Isto non debía suceder", considerou García en referencia ao pacto entre BNG e PP que deu a Alcaldía ao nacionalista Xoán Castaño. "Perdemos un ano no que o Concello non funcionou como tiña que funcionar. Así que hai que porse a traballar", indicou.

O agora de novo alcalde asegurou non entender a abstención do concelleiro socialista Roberto Bouzón. "Onte luns tiveron unha reunión coa dirección provincial e quedaron en votar todos a favor. Foi un cambio de opinión da noite para a mañá", sostivo.

Aínda a pesar desa abstención, García sinalou que non ten ningún inconveniente en que Bouzón participe no seu equipo de goberno xunto ao resto de edís socialistas de Catoira. Ademais, asegurou sentirse apoiado pola dirección provincial do seu partido a pesar de que hai tan só unhas semanas asinou unha moción de censura xunto aos tres concelleiros do Partido Popular. Moción que foi frustrada no último momento pola dimisión do exalcalde Castaño.

UN DÍA TRISTE

Pola súa banda, o portavoz do BNG e exalcalde, Xoán Castaño, mostrou a súa tristeza ante o feito de que Catoira teña que "volver ter un goberno dirixido por unha persoa que levo a este concello a un desastre".

Así mesmo, pediu que "o Consello de Contas investigue e se saiba realmente moitas das cousas que están a aparecer agora" en relación aos anteriores anos de mandato de Alberto García.

CORDURA E SENSATEZ

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Iván Caamaño, reafirmou que a súa preferencia era "un goberno conxunto" entre PSOE e PP, "como o que tentaban conformar coa moción de censura". Entre outras cousas, engadiu, "porque non sería un goberno en minoría" como o que presidirá agora Alberto García.

Iván Caamaño espera do novo goberno municipal que actúe con "cordura e sensatez" e pídelle ao novo alcalde "que se decida a falar coa oposición" e que comece a traballar. Neste sentido ofrece, "para sumar", a colaboración dos tres edís populares. "A nosa vocación sempre é a de ofrecer diálogo. Se a partir de agora o Concello segue paralizado a culpa non vai ser do Partido Popular", concluíu.

Temas: BNG PP PSOE CATOIRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta