As praias galegas reciben 107 bandeiras azuis, a segunda cifra máis alta do Estado

Galicia obtén 12 galardóns para portos deportivos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2020 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

As praias galegas obtiveron este ano 107 'bandeiras azuis', a mesma cantidade destas distincións de calidade que o verán pasado e a segunda cifra máis alta das comunidades autónomas do Estado, tras Valencia.

Así o decidiu a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que este ano outorgou a España un total de 688 bandeiras azuis, 19 máis que o ano pasado.

No entanto, é probable que non todas estas distincións cheguen a ondear nos areais galegos, dado que o Concello de Cangas xa avanzou a súa intención de renunciar ás bandeiras azuis concedidas (sete) dada a falta de medios para asumir as súas esixencias, sobre todo por mor da crise da COVID-19 e dos requisitos do control de aforamentos.

Se se materializa esta renuncia, Galicia exhibiría este verán 100 bandeiras azuis nas súas praias, a mesma cantidade que Andalucía. A Comunidade Valenciana, a autonomía con maior numero de distincións, obtivo 134.

PROVINCIAS E MUNICIPIOS

Por provincias, 11 concellos pontevedreses levan case a metade das distincións galegas, un total de 52. Pola súa banda, na Coruña contan con bandeira azul 37 praias de 14 municipios e en Lugo aparecen 18 areais, de oito concellos.

É o municipio pontevedrés de Sanxenxo o que repite, un ano máis, como o concello galego e do conxunto do Estado con máis bandeiras azuis, un total de 17, que ondearán en areais como Silgar, A Lanzada, Caneliñas, Areas Gordas ou Montalvo.

Ademais, na provincia de Pontevedra destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 praias con bandeira azul en 2020; Cangas do Morrazo (con 7, ás que podería renunciar), e Marín (con 5 bandeiras).

Pola súa banda, na provincia da Coruña, o municipio de Arteixo é o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, con sete bandeiras -do mesmo xeito que en 2018 e 2019-; seguido de Oleiros e A Coruña, con cinco areais distinguidos, respectivamente. Na listaxe estréanse Bergondo, que obtén a bandeira azul para Gandarío, Laxe --que a perdeu o ano pasado ao non solicitala-- e Ribeira, co areal de Coroso.

No que respecta a Lugo, Foz é, un ano máis, o concello da provincia que acumula máis distintivos, con cinco galardóns para as praias da Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás. Barreiros, tras tres anos sen solicitar esta distinción, volve obter tres bandeiras azuis, os mesmos que Burela.

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a certeira xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

OUTRAS DISTINCIÓNS

En total, Galicia obtivo 133 distincións 'azuis' este ano, sumando as praias, os portos deportivos e as aulas e centros de natureza. Así, en relación aos portos deportivos, en 2020 Galicia obtén 12 galardóns, sendo a provincia da Coruña a primeira en encabezar a lista, con seis. A continuación está Pontevedra, con cinco portos recoñecidos, e Lugo, cun.

Entre as novidades, o Club Náutico de Sada, o Porto Deportivo Sadamar e o Real Club Náutico de Sanxenxo reciben este ano este distintivo, que non ondeara nas súas instalacións na anterior edición.

Finalmente, Galicia tamén recibe a distinción para 14 centros azuis, situados en Oleiros, Boiro, A Laracha, Camariñas, Burela, Cervo, Bueu, Sanxenxo, A Illa de Arousa e Marín.

Praia de Silgar en Sanxenxo (Pontevedra). Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo
Praia de Silgar en Sanxenxo (Pontevedra). Beatriz Ciscar - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta