O PSOE denuncia "irregularidades" da Deputación de Ourense na concesión de axudas fronte á crise da Covid-19

Os socialistas din que 683 solicitudes foron rexistradas antes do prazo legal e esixen a constitución dunha comisión de investigación para "aclarar responsabilidades políticas".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 09/06/2020 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O grupo provincial do PSdeG-PSOE denunciou "irregularidades" por parte da Deputación de Ourense na concesión de axudas a autónomos e pequenas e medianas empresas para facer fronte á crise da Covid-19 por ser "rexistradas fóra do prazo legal".

O portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino
O portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino | Fonte: PSOE.

Concretamente, o portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou este martes en rolda de prensa que esta circunstancia afecta a "683 solicitudes de persoas físicas e xurídicas que procederon ao rexistro da documentación o 12 de maio, un día antes de que comezase realmente o prazo" e asegurou que algunhas destas "xa foron abonadas".

Os socialistas atribuíron esta situación á "difusión de información privilexiada por parte de cargos do PP" coa intención de "dar axudas aos seus amigos". Neste sentido, o deputado Ignacio Gómez acusou o PP de crear "unha trama de subvencións para premiar os seus".

O importe das subvencións directas ascende a 600 euros para os autónomos e ata 1.000 euros para pemes, outorgadas por concorrencia competitiva segundo a orde de rexistro das solicitudes e ata esgotar o crédito habilitado de 3.8 millóns para tal fin.

Deste xeito, os socialistas criticaron que, "nos días previos á obrigada publicidade a través do BOP, numerosos cargos públicos do PP difundiron documentación reservada a través dos seus perfís persoais e institucionais de Facebook ou de chats de Whatsapp, así como información errónea sobre o prazo e procedemento para solicitar as axudas. A propia web da institución continúa este martes informando de maneira errónea sobre o comezo do prazo".

Rodríguez Villarino atribuíu este "modo de actuar dalgúns deputados do PP" á "procura dun lucro electoral" e á "política caciquil que caracteriza o goberno de Baltar".

COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN

Por este motivo, o PSdeG-PSOE reclamou, mediante moción, a constitución dunha comisión de investigación co fin de "aclarar responsabilidades políticas". Na mesma, piden a "execución inmediata dos mecanismos e trámites administrativos necesarios para liquidar os problemas ocasionados aos afectados polas irregularidades no procedemento de publicidade e concesión das subvencións".

O portavoz provincial do PSOE acusou á Deputación de Ourense dunha "irresponsable xestión das axudas que supón un importante risco para os afectados pola pandemia". Ademais, advertiu que "un recurso dun solicitante pode provocar consecuencias xurídicas relevantes, así como a obriga de reintegro dos fondos percibidos".

"O rexistro anterior ou posterior ao prazo establecido nos procedementos iniciados a solicitude do interesado, implica a inadmisión das solicitudes por ser formuladas extemporáneamente", lembraron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta