Temas: ONCE DESESCALADA

Os 700 vendedores da ONCE en Galicia volverán ás rúas o próximo luns

Será baixo medidas de seguridade excepcionais para garantir tanto a súa saúde como a dos seus clientes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/06/2020 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

Os 700 vendedores da ONCE en Galicia contan os días para volver ás rúas tres meses despois. Farano o vindeiro luns 15 de xuño baixo medidas de seguridade excepcionais para garantir tanto a súa saúde como a dos seus clientes, segundo sinala a ONCE.

Unha vez levantadas as restricións, os vendedores do ONCE regresarán aos seus postos a partir do próximo luns. A Coruña é a provincia con maior número de vendedores con 360 --160 na Coruña, 120 en Santiago e 80 en Ferrol--, seguida por Pontevedra con 230 --160 en Vigo e 70 en Pontevedra--, Lugo con 60 e Ourense con 50.

"Tárdame en chegar o día 15 para coller o meu bastón branco e dirixirme ao quiosco, falar de novo con xente, cos meus clientes e, sobre todo, saber que están todos ben", sinala Marisé Tajes, que vende nun quiosco situado entre as compostelás rúas de Montero Ríos e Xeral Pardiñas.

Tamén conta os días para regresar ao seu quiosco na rúa Alcalde Marchesi da Coruña a vendedora Teresa Iglesias, que confesa que o tempo de confinamento lle serviu para "valorar máis as pequenas cousas da vida e aprender que se todos remamos xuntos, sairemos máis fortes".

Ramón Iglesias, pola súa banda, volverá partir do día 15 a percorrer as estradas da comarca de Ferrolterra, onde reparte sorte desde hai tres anos e medio nos arredores do municipio de Neda.

"Estou tolo por volver ás rúas e ver a miña xente e repartir ilusión e sorte como facía todos os días antes da pandemia", sinala Ramón, que volverá á ruta equipado con toda a seguridade posible, como Teresa e Marisé.

Temas: ONCE DESESCALADA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta