Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 21:20
Os xestores administrativos de Galicia informan dunha campaña que puxeron en marcha as inspeccións de traballo das catro provincias galegas para supervisar o cumprimento das medidas de prevención fronte á Covid-19.
Fontes do Colexio de Xestores Administrativos de Galicia sinalan que se trata unha campaña xenérica centrada en dous eixos: por unha banda, o asesoramento á empresa indicando que deben cumprir as medidas propostas polo Ministerio de Sanidade e, por outro, un requirimento sobre as medidas implantadas.
DOCUMENTACIÓN QUE PODEN SOLICITAR
En concreto, Inspección de Traballo pode solicitar toda esta documentación ou parte dela: Informe sobre as medidas adoptadas na empresa/centro de traballo para dar cumprimento ás
recomendacións sanitarias para evitar ou diminuír o risco de contaxio dos traballadores fronte ao SARS-CoV-2; avaliación de riscos para facer fronte á COVID-19 e planificación da actividade preventiva; acreditación de que as medidas foron postas en coñecemento da RLT (Representación Legal dos Traballadores) ou dos traballadores afectados; rexistro de entrega aos traballadores de EPIs fronte á COVID-19 e protocolo de actuación ante os riscos da COVID-19.
Ademais destes documentos e dependendo do Inspector/Subinspector, poden requirir outra documentación, como o Informe de cumprimento do R.D. 486/97 no centro de traballo; acreditación de formación e información dos traballadores sobre o risco e as medidas a adoptar fronte á COVID-19; Plan de continxencia; Plan de continuidade en caso de emerxencia; Documentación relativa aos EPIs fronte a COVID; ou Protocolo de limpeza e desinfección do centro e Xestión de sensibles.
PRAZOS DE RESPOSTA CURTOS
Desde o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia alertan de que se están dando prazos de resposta moi curtos, de entre 24 e 72 horas na maioría de casos. Ademais, lembran que xa deron comezo as inspeccións dos ERTES Covid-19 tramitados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.