A demanda de servizos básicos case se duplica en Cáritas pola crise sanitaria

Concederon 125.289 euros en axudas desde o 16 de marzo e advirten das consecuencias sociais da situación para "moitísimas persoas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 16:12

Comparte esta noticia

As necesidades de atención polo coronavirus multiplicáronse desde o mes de marzo. Cáritas Diocesana de Santiago advertiu das consecuencias desta situación para as familias e para unha crise social que se foi agravando cos anos, dado que moitas persoas non se recuperaron aínda da resaca da recesión económica.

As cinco interparroquiais rexistraron un aumento do 43 por cento da atención e desembolsaron uns 125.289 euros en axudas desde o 16 de marzo. A pesar diso, as cifras serían aínda maiores, posto que este montante non inclúe as accións realizadas nas diferentes decenas de parroquias repartidas polo territorio.

Así o explicou en rolda de prensa Anuncio Mouriño, o director diocesano, na que fixo balance tanto das pasadas semanas, da actuación da entidade durante o 2019 e da situación na que se atopa, arrastrando déficit por segundo ano consecutivo debido á caída das achegas, do recibido polo IRPF ou de legados e herdanzas, entre outras.

Un dos datos máis "preocupantes" desta pandemia é o de decenas de familias que recuperaran a súa autonomía e que se viron obrigadas a volver pedir axuda. En total, foron 307 familias que xa recibiran axuda antes de 2018 e que regresaron ás interparroquiais. A elas únense outras 1.210 novas que solicitaron apoio que, xunto ao resto que se mantiveron a atención, supoñen case 14.000 persoas. As solicitudes telefónicas tamén rexistraron un incremento notable, con máis de 3.600 durante estas semanas.

Un dos colectivos máis vulnerables durante a pandemia foi o das persoas de orixe estranxeira, en situación de irregularidade administrativa en España, e sen apoio sociofamiliar e sen dereito a prestacións, que antes da crise se atopaba traballando na economía mergullada.

A maioría, demandando a cobertura de necesidades básicas (alimentación e medicación), e tamén, aínda que en menor medida, o pago de alugueres.

CIDADÁNS "AO LÍMITE"

Todo iso implicou un desembolso económico superior aos 125.000 euros unicamente nestas últimas semanas, no marco dunha situación de déficit que vive Cáritas Diocesana de Santiago. A entidade advertiu de que vive unha situación marcada pola falta de doazóns e das contribucións do IRPF, entre outras cuestións, aínda que tamén por un aumento da achega por parte do Goberno galego.

Mouriño considera que existe unha falta de visibilización, que a xente é solidaria pero que cre que "xa non hai crise" e que "non hai que axudar", a pesar de que a recesión aínda se deixa notar nun número importante de cidadáns e familias. Coa pandemia, advertiu, moita xente quedou "afastada do camiño" tanto polo desemprego, como por ERTEs que non se puideron cobrar, e que se mantén "ao límite".

Na outra cara da moeda atópase o incremento da colaboración coas administracións locais, sobre todo na atención dos 'sen teito' con accións que terán continuidade no futuro. Cáritas Diocesana espera poder manterse nestas condicións e asegurou que contan coa preocupación da Consellería de Política Social, aínda que censurou o escaso peso de Galicia na repartición dos fondos do IRPF.

Mouriño tamén se referiu ao ingreso mínimo vital e esperou que sirva para "complementar o que se está facendo", coa RISGA e outras accións, para que a carga económica da atención non dependa tanto do chamado 'terceiro sector'.

SALDO NEGATIVO

O balance de 2019 evidencia, ademais, un saldo negativo de 228.729 euros, nun ano no que un total de 19.481 persoas foron atendidas por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela.

A maioría dedicouse a atención primaria e maiores, ademais de xestión e formación, aínda que 400.000 euros se dedicaron a axudas ao pago da vivenda, tanto de subministración enerxética como de alugueres e reparacións.

As mulleres representan o 54,66% das persoas atendidas, a maioría de entre 40 e 65 anos, españolas, e sen ingresos, pero que teñen que facer fronte ao pago dun aluguer.

Unha persoa descansa na súa cama no interior das instalacións dun albergue. David Zorrakino - Europa Press
Unha persoa descansa na súa cama no interior das instalacións dun albergue. David Zorrakino - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta