O BNG de Santiago propón retirar o nome de Juan Carlos I a unha rúa da cidade

A súa "presunta implicación co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal non o fan digno de formar parte do rueiro compostelán", argumenta a formación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

O grupo municipal do BNG de Santiago de Compostela proporá no próximo Pleno convocar a Comisión de Condecoracións para cambiar o nome da Avenida Juan Carlos I polo de Avenida da República.

Segundo explicou a edil Navia Rivas, farao dada a actual investigación que leva adiante a Fiscalía en relación ao Rei emérito pola súa "presunta implicación co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal". Isto, xunto a "os motivos que o levaron a abdicar", considera o BNG, "non o fan digno de formar parte do rueiro compostelán".

A maiores, o grupo do BNG sostén que, nos últimos anos, "diversas cidades están a retirar os nomes da familia real dos rueiros municipais", ao "considerar a monarquía como unha figura anacrónica e, cada vez, máis asociada as presuntas irregularidades económicas e delituosas derivadas do abuso e do privilexio dos cargos que ostentan".

A Avenida Juan Carlos I de Santiago de Compostela pasou a chamarse así o 6 de maio de 1981, para substituír o nome de Martínez Anido, que fora ministro de Gobernación con Primo de Rivera e de Orde Pública con Francisco Franco.

Segundo a información facilitada polo profesor e investigador Xosé Ramón López Boullón ao BNG, a vía tivo con anterioridade distintas denominacións, como Avenida da Liberdade, Camiño Novo, Campo dá Feira ou Camiño de Pontevedra, entre outros.

Avenida Juan Carlos I, en Compostela
Avenida Juan Carlos I, en Compostela | Fonte: Google Maps

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta