Seguen chovendo críticas contra a curmá de Feijóo por "culpabilizar" os sanitarios

BNG e sindicatos piden o cesamento inmediato da xerente da área compostelá. "De non ser así, Feijóo estaría a avalar as súas declaracións", aseguran.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O BNG denunciou "malos tratos" ao persoal sanitario á vez que pediu o cesamento da xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, por insinuar que o persoal se contaxiaba de COVID nas salas de café. Respecto diso, a CIG-Saúde demandou a esta directiva "que recoñeza erros na xestión".

Nun comunicado de prensa, á deputada do BNG, Montse Prado, denunciou "malos tratos ao persoal sanitario nas condicións laborais e recursos dispoñibles" durante esta pandemia, ao que suma as "inaceptables declaracións" da xerente da área compostelá nas que "culpabiliza os profesionais sanitarios de ser os responsables de contaxiarse da COVID-19 nas salas de café e durante os descansos".

Prado ve "frívolas e irresponsables" esas manifestacións tras "o clamor contra a falta de material de protección e tras as directrices da propia xerente animando ao persoal a reducir as medidas de protección". Por iso, esta deputada insta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "a que cese de inmediato" esta xerente "porque, de non ser así, estaría a avalar as súas declaracións".

Nesta liña, noutro comunicado, CIG-Saúde esixiu "unha rectificación pública das declaracións da xerente responsabilizando ao persoal sanitario dos contaxios". Por iso, explicou que remitiu un escrito ao presidente da Xunta e á Consellería de Sanidade "reclamándolles que adopten as medidas necesarias ante as irresponsables declaracións" de Eloína Núñez, nas que "acusa o persoal sanitario de ser o responsable dos contaxios do coronavirus".

Así mesmo, a CIG demanda que esta xerente "recoñeza os erros na xestión da crise sanitaria e a falta de medidas de protección suficientes" para o persoal sanitario.

Tamén a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública expresou o seu "máis profundo rexeitamento ás manifestacións" da xerente de Compostela. "Non se pode ser máis irresponsable, achacando a alta incidencia entre o persoal sanitario ao uso de salas de café e viaxes dos profesionais", lamentou.

"A xerente, parente próxima do señor Feijóo, e nomeada por el, sabe que mente e cando se lle descobre a mentira e a indignación que provocou nos profesionais, mandou unha nota de rectificación, que non rectifica nada, e di que sen querer entrar en polémica", reprochou esta asociación, que espera que o presidente autonómico "faga uso do poder que ten para destituíla ou que, por dignidade profesional, dimita".

Estas críticas súmanse ás xa expresadas este martes por sindicatos como Satse, Comisións Obreiras, Satse, UGT e SAE en relación ás manifestacións realizadas pola xerente nunha entrevista recente a un diario.

ACLARACIÓN

Fronte ás críticas, a xerente do CHUS aclarou que "en todo momento quixo dar a coñecer o excelente traballo realizado polos profesionais da sanidade pública compostelá" e "transmitir o seu apoio e agradecemento ao labor desenvolvido".

Así o manifestaron a Europa Press fontes da xerencia compostelá, que puntualizaron que cando afirma que "ao principio os contaxios dos profesionais foron importados, é dicir, que non había transmisión comunitaria, está a destacar un feito certo e que se correspondía coa mesma situación dos primeiros casos importados da poboación xeral".

Eloína Núñez, xerente da área sanitaria Santiago
Eloína Núñez, xerente da área sanitaria Santiago | Fonte: Youtube

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta