Gonzalo Caballero di que "houbo que esperar un Goberno socialista" para ter o compromiso das fragatas en Ferrol

"Queremos un Goberno progresista en Galicia para que poida traballar xunto ao tamén Goberno progresista de España", declara o secretario xeral do PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2020 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, reivindicou este mércores que a cidade de Ferrol "tivo que agardar a chegada dun Goberno socialista para que se comprometese a construción das fragatas" F-110, que "van supor un investimento millonario, de máis de 4.000 millóns de euros, para, durante unha década, darlle impulso a esta cidade".

A maiores, trasladou que "é necesario ter un Goberno progresista á fronte da Xunta", para "poder facer política industrial e para que esa posibilidade de futuro que ten Ferrol poida recibir o apoio non só do presidente do Goberno, non só do alcalde da cidade, senón que tamén dun presidente da Xunta que cumpra con esta localidade".

Así o dixo o líder dos socialistas galegos durante unha comparecencia ante os medios de comunicación na praza de Armas de Ferrol, na que estivo acompañado, entre outros, polo alcalde desta cidade, o tamén socialista Ángel Mato.

"Queremos un Goberno progresista en Galicia para que poida traballar xunto ao tamén Goberno progresista de España e a carón dos alcaldes e alcaldesas socialistas, que saben darlle aos seus veciños as mellores opcións de cambio", dixo Caballero.

Fronte a iso, "Feijóo abandonou en once anos que leva á fronte da Xunta", como, no caso concreto da comarca de Ferrolterra, "a Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte", proxectada para unir este territorio coa zona do Ortegal e A Mariña lucense, "unha materia suspendida de forma permanente por Feijóo e o Partido Popular".

Por outra banda, mostrouse partidario de "reforzar" o sistema sanitario en Ferrol "con máis persoal", en especial nos ámbitos de pediatría e atención primaria, "para poder dar garantías aos cidadáns".

"Ferrol perdeu vida, perdeu impulso, durante os once anos do Goberno de Feijóo e necesitamos agora un impulso en Galicia de prosperidade, de posibilidades, dun Ferrol que é fundamental para toda Galicia e para o norte de toda a comunidade", resumiu.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol trasladou que confía en que, a partir do próximo mes de xullo, haxa "un presidente socialista na Xunta". De Gonzalo Caballero, eloxiou que, durante os últimos meses, "estivo en contacto permanente cos alcaldes de Galicia para poder facerlle fronte a unha situación que era nova e tremendamente difícil", en relación á pandemia de COVID-19.

O candidato socialista do PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG
O candidato socialista do PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta