Os nenos do rural compostelán poderán participar en actividades de verán con máscara

O Concello presenta as actividades para os cativos dos centros socioculturais do rural, que se realizarán nas mañás do mes de xullo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/06/2020 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela presentou este xoves as actividades de verán para nenos dos centros socioculturais do rural, que se realizarán nas mañás do mes de xullo e para as que se pedirá aos menores que leven máscara de casa e que cumpran uns protocolos para evitar riscos de contaxio e aglomeracións á saída e á entrada.

Máscara
Máscara

O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, explicou que se fomentará que as actividades sexan en exteriores e tomaranse "todas as medidas de seguridade".

A coordinadora dos centros socioculturais do rural compostelán, María Pose, indicou que os protocolos a seguir daranse ás familias cando se faga a inscrición e as medidas estarán adaptadas á fase de desescalada da data na que comecen as actividades. Os menores deberán levar máscara da súa casa e non poderán acudir se teñen febre ou están enfermos.

Ademais, agregou Pose, tomaranse medidas para evitar aglomeracións ás horas de entrada e saída. Por iso, o horario é de 9,30 a 14,30, pero as actividades desenvolveranse entre as 10,00 e as 14,00 horas.

Hai 90 prazas dispoñibles, 15 por cada un dos centros socioculturais que as acollerán (os de A Gracia, Figueiras, Lavacolla, Marrozos, Nemenzo e Villestro). Terán prioridade os nenos empadroados en zonas rurais de Santiago e aqueles cuxos dous proxenitores teñan que traballar ou pertenzan a familias monoparentais e haberá unha reserva para casos de servizos sociais.

As actividades, que buscan facilitar a conciliación, son gratuítas e o prazo de inscrición, que se pode facer a través do correo electrónico cunha ficha dispoñible no sitio web municipal, estará aberto do 12 ao 19 de xuño. As listas definitivas coñeceranse o 25 deste mes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta