O PP, aberto aínda a falar de acurtar a campaña, reivindica que Feijóo "renunciou" á precampaña pola xestión

Miguel Tellado, destaca que os 'populares' galegos seguen dispostos a "dialogar" se o resto de partidos queren "falar en serio" da posibilidade de reducir a campaña.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/06/2020 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou que os populares galegos seguen dispostos a "dialogar" se o resto de partidos queren "falar en serio" da posibilidade de reducir a campaña para a cita coas urnas do 12 de xullo (xusto tras a convocatoria, a formación que lidera Alberto Núñez Feijóo expuxo reducir o período preelectoral de 15 días a unha semana).

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado | Fonte: PPdeG.

Iso si, advertiu de que se a resposta son "insultos", os populares galegos non entrarán "nunha loita" dese tipo co resto de formacións.

Tellado lembrou que a campaña só se podería reducir mediante un acordo entre partidos políticos, xa que o prazo que está estipulado legalmente é de 15 días, pero resaltou, ao tempo, que Feijóo "renunciou á precampaña" en aras de "centrarse no importante", é dicir, a xestión da pandemia do coronavirus.

"Tanto o presidente como este partido seguimos centrados no que consideramos realmente importante: a xestión da pandemia e a recuperación económica e social. Foi nosa prioridade desde que pasou o que pasou en marzo e nada cambiou", destacou Tellado.

"A decisión de Feijóo foi renunciar á precampaña e centrarse na actividade institucional. Somos un partido que non está con actos porque entendemos que a principal prioridade do presidente do Goberno ten que ser a loita contra a pandemia", esgrimiu.

Dito isto, remarcou que é "lexítimo" que o resto de forzas políticas empezasen coa precampaña "hai semanas". "É unha cuestión de prioridades", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta