A feira do libro de Compostela regresa como "contorna segura"

É a primera feira do libro que se retoma en España tras a crise do coronavirus.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2020 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

As feiras do libro retoman a súa actividade. Santiago de Compostela acolle desde este sábado o primeiro dos eventos deste tipo que se celebran en Galicia e en todo o Estado desde o inicio da crise sanitaria, e que se expón cunha premisa en mente: garantir unha "contorna segura" para recuperar a confianza da cidadanía e a interacción entre os veciños, autores e libreiros ao redor da cultura e as relacións comerciais de barrio.

Cartel da Feira do Libro de Santiago.
Cartel da Feira do Libro de Santiago.

'Non contaxian pero enganchan' é o lema escollido pola Federación de Librarías para reivindicar e difundir a filosofía que centralizará o ciclo deste ano: o libro como axuda para afrontar un período tan complicado, como o provocado pola COVID-19.

Para iso, despregarase un dispositivo e un protocolo "de máximos", creado especificamente para transmitir seguridade aos visitantes e, ao mesmo tempo, non perder esa "interacción" cos propios libros e entre os participantes na feira.

A feira instalarase na Alameda compostelá, o emprazamento tradicional, cun total de seis casetas: das librarías Pedreira, Númax e A Gata Tola (Santiago), Ler (A Pobra) e Cortizas (Ferrol), ademais doutra para a editora Alvarellos.

Os visitantes terán que acudir con máscara e manter as distancias de seguridade mentres esperan na fila establecida para cada unha das casetas, e desinfectar as mans con xeles que estarán a disposición.

Alí poderán interactuar cos propios libros (separados do resto de exemplares), polo que a limpeza de mans será esencial para garantir a seguridade. O pago será electrónico, de forma preferente, mediante un soporte cun brazo-TPV. Cada saída estará sinalada, ademais, para permitir incorporarse á cola de acceso a outra caseta.

Cada caseta contará coas medidas de limpeza e desinfección pertinentes e reforzaranse tras o peche. Unha vez baleiradas, aplicarase unha luz ultravioleta sobre as superficies lisas (onde están os libros e as paredes), e deixarase unha marxe de entre 13-14 horas para volver abrila.

Nas zonas de firmas de exemplares, instalaranse biombos de metacrilato, e haberá actividades de dinamización acústica expostas para amenizar as esperas.

Ao longo dos nove días da feira, pasarán por alí ata 35 profesionais da literatura. Este sábado, abrirase a partir das 12,00 horas co pregón da escritora María Solar, que posteriormente asinará exemplares da súa obra 'Quokka Moka'.

ESFORZO E COLABORACIÓN

Pilar Álvarez destacou o esforzo e a colaboración entre o Concello, a Deputación da Coruña e a Xunta para poder facer "isto posible", ademais do "empeño" e axuda do sector privado nesta XXIX edición do evento.

Neste sentido, cada unha das feiras do ciclo contará cunha propia adaptación do protocolo de seguridade, coa axuda da administración local, ao tratarse de estruturas e emprazamentos diferentes.

"Isto -o dispositivo- o que permite é xerar seguridade. Estamos a traballar para recuperar a confianza da cidadanía", insistiu, para apelar á "sensibilidade" da xente ante a pouca asistencia de locais, posto que hai libreiros que "por medo" á pandemia non van participar.

A concelleira Mercedes Rosón destacou este "novo paso cara á normalización" neste contexto "tan especial", creando "un espazo seguro" no que todo o mundo poida gozar.

Sobre todo, engadiu, tras estes últimos meses de confinamento, nos que moitos cidadáns aproveitaron as posibilidades do libro como un mundo "con moitísimas realidades" e que esperta as emocións do ser humano.

Xurxo Couto, deputado da Deputación da Coruña, animou a "gozar desta nova realidade" e reivindicar os libros como medio "para viaxar" e elementos fundamentais "para liberarse" durante o peche.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta