Por Europa Press / Redacción | Madrid | 11/06/2020 | Actualizada ás 15:03
A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, anunciou un acordo con 14 puntos sobre o próximo curso escolar entre o Goberno e todas as comunidades autónomas, agás Madrid e Euskadi, que establece que a 'volta ao cole' producirase en setembro coa actividade presencial como "principio xeral".
Así o explicou na rolda de prensa posterior á reunión telemática que mantivo cos conselleiros autonómicos na Conferencia Sectorial de Educación, aos que presentou ademais un documento con medidas sanitarias para implantar nos centros educativos fronte á pandemia do coronavirus.
O acordo subscrito este xoves polo Ministerio de Educación e as comunidades establece que o curso 2020-2021 terá 175 xornadas lectivas, e os centros educativos adaptarán as súas programacións didácticas para "recuperar as aprendizaxes imprescindibles non alcanzadas" durante os meses de ensino a distancia polo coronavirus, e realizarán plans de seguimento e apoio para o alumno con máis dificultades.
Con este acordo, as comunidades autónomas asumen a elaboración de protocolos de actuación para garantir a hixiene, limpeza e o control sanitario nos centros. Un traballo que realizarán xunto aos servizos de prevención de riscos laborais, e que incluirá medidas específicas para a atención das persoas incluídas no grupo de risco.
As comunidades tamén se encargarán de preparar os plans de continxencia ante as "eventualidades" que poida provocar a evolución da pandemia no desenvolvemento do curso escolar, e terán que tomar "as medidas necesarias" para que os centros manteñan os seus servizos de transporte e comedor escolar "en condicións de seguridade".
Tamén recae nas comunidades autónomas, que teñen transferidas as competencias educativas, reducir a fenda dixital e "limitar" as súas consecuencias entre o alumnado, aínda que o Ministerio colaborará na mellora a "oferta de recursos para o reforzo da competencia dixital" de profesores, familias e alumnos e porá en marcha, xunto ás consellerías autonómicas, programas de cooperación territorial para "dar resposta á nova situación".
METRO E MEDIO DE DISTANCIA
O Ministerio de Educación adiantou este mércores algunhas das medidas acordadas co Ministerio de Sanidade para o próximo curso que se presentaron este xoves ás comunidades autónomas. Entre elas, que os escolares de Educación Infantil e dos primeiros cursos de Primaria non terán que manter unha distancia interpersoal de metro e medio durante o próximo curso nin tampouco usar máscaras en clase porque serán grupos "estables de convivencia" que evitarán mesturarse cos alumnos doutros cursos.
Nestes cursos, ademais, non existirá a obriga de utilizar a máscara en clase e permitiranse clases de ata 20 alumnos, aínda que o documento precisa que o "ideal" é non superar os 15 escolares por aula.
A partir de 5º de Primaria, os pupitres terán que estar separados a metro e medio en todos os cursos, a mesma distancia que terán que gardar os estudantes para evitar contagios dentro do centro. Cando esa separación non sexa posible, o uso de máscaras imponse como obrigatorio.
ACTIVIDADES AO AIRE LIBRE
O documento de Educación e Sanidade recomenda que os centros organicen "na medida do posible" actividades educativas ao aire libre no canto de espazos pechados, que terán que ventilarse con frecuencia e "durante polo menos cinco minutos ao comezo da xornada, ao finalizar e entre clases".
"Cando as condicións meteorolóxicas e o edificio o permitan aconséllase manter as xanelas abertas o maior tempo posible", lese no documento, que establece como mínimo limpar unha vez ao día as instalacións escolares, aínda que no caso dos aseos increméntase a tres veces ao día.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.