Idean en Ferrol un sistema que permite monitorar marcapasos sen baixar do vehículo

Os datos son logo valorados polo especialista, que decide se é necesaria ou non a consulta presencial.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 11/06/2020 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

A Unidade de Marcapasos do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) puxo en marcha este xoves un proxecto de seguimento remoto dos marcapasos, que permite monitoralos sen que o paciente baixe do seu vehículo.

Así, unha trintena de pacientes en seguimento por esta Unidade acudiron nos seus vehículos ao Hospital Naval, onde, sen baixar do seu automóbil, lles realizaron a monitorización do seu dispositivo e o rexistro de datos que, horas máis tarde, valorará o profesional sanitario especializado.

Esta iniciativa púxose en marcha buscando alternativas non presenciais á asistencia, para evitar riscos para o paciente portador deste dispositivo ante a posibilidade dun contaxio por coronavirus. Con iso, decidiuse que a mellor opción é unha monitorización remota para evitar as visitas aos hospitais.

Este programa piloto, que segue as indicacións da Sociedade Europea de Cardioloxía, pretende avaliar varios pacientes nunha soa xornada sen que teñan que baixar do seu coche. O médico responsable revisa despois a información inscrita do aparello, contacta telefonicamente co paciente e programa o seguimento posterior, ou establece unha visita, de ser necesaria.

Na área Sanitaria de Ferrol están en seguimento uns 1.500 pacientes portadores de marcapasos e adóitanse implantar uns 180 dispositivos cada ano a pacientes con trastorno do ritmo cardíaco, cunha idade media de 80 anos.

Proba piloto de revisión de marcapasos sen contacto en Ferrol
Proba piloto de revisión de marcapasos sen contacto en Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta