Así está o gran hospital que Feijóo prometeu en Verín: “dous de cada tres sanitarios somos eventuais”

“Como podes ter médicos especialistas contratados por meses cando as listas de espera superan o ano?”, apunta un sanitario.

Por Galicia Confidencial | Verín | 12/06/2020 | Actualizada ás 09:49

Comparte esta noticia

Uns corenta profesionais sanitarios, e algúns representantes políticos de diversas formacións, concentráronse este xoves ás portas do hospital de Verín. A protesta tiña a política de contratación laboral do Sergas como principal obxectivo da crítica.

Membros da Comisión Delegada do Hospital de Verín, representantes da sección comarcal do movemento Enfermeiras Eventuais en Loita e grande parte do persoal do centro hospitalario concentráronse o xoves diante das portas de entidade para berrar contra a política de contratación laboral do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que permite que dúas terceiras partes do persoal co que conta o Distrito Sanitario nesa institución sexa eventual e con contratos en precario.

Lorena Feijóo, do movemento Enfermeiras Eventuais en Loita de Galicia, apuntou que "moito falan os nosos dirixentes do importantes que fomos na loita contra a pandemia, de que fomos verdadeiros heroes, pero seguen sen darlle a eses heroes a estabilidade que calquera profesional precisa sexa cal sexa a súa responsabilidade". "Neste hospital, dous de cada tres sanitarios, fundamentalmente enfermeiras e enfermeiros, son eventuais, coa precariedade que os pactos de contratación representan para a nosa estabilidade", afirmou Lorena Feijóo en declaracións ao Diario do Támega.

Aitor Diz, outro dos enfermeiros deste colectivo, puntualizou que "non é de extrañar que non queiran vir médicos para Verín, porque o mesmo que nos fan a nós llo fan a eles. Como podes ter médicos especialistas contratados por meses cando as listas de espera superan o ano?", preguntabase este profesional sanitario nado no Concello de Vilardevós.

Enfermeiras Eventuais en Loita da comarca manterá as concentracións que o resto de integrantes do colectivo programan cada día 12 de cada mes ás 12:00 horas por toda a xeografía galega.

Protesta de sanitarios, enfermeiros e médicas, entre outros, ás portas do hospital de Verín en contra da precarización
Protesta de sanitarios, enfermeiros e médicas, entre outros, ás portas do hospital de Verín en contra da precarización | Fonte: Diario do Támega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta