A CIG pide a dimisión do presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol

Acusan o integrante de CC.OO. de "interferir nas negociacións e de crear confusión na cidadanía".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2020 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol pide a dimisión do presidente do comité de empresa, Javier Galán (CC.OO.), ao que reclamen que "se bote ao carón para deixar de interferir nas negociacións e de crear confusión na cidadanía".

A través dun comunicado, a central nacionalista asegura que "xa son varias as ocasións en que Galán actúa por libre, tanto nas interlocucións coa empresa, como saíndo aos medios de comunicación expresando sensacións, ideas ou posibilidades que non se axustan ao día a día do traballo das comisións do comité de empresa, interferindo negativamente nas negociacións coa dirección".

A CIG asegura que "hai un milleiro de familias directamente preocupadas coas prazas de acceso para operarios e empregados júnior" e que desde o seu punto de vista é "unha absoluta irresponsabilidade trasladar aos medios de comunicación que todas as persoas que cursaron a solicitude ás prazas poderán realizar o exame", xa que, segundo a sección sindical liderada por Marcelo Amado neste estaleiro, isto "non é certo".

PROPOSTAS

O sindicato incide en que "esa posibilidade" de realizar un exame a todos "foi proposta a principios de mes pola dirección, coa condición de facer os exames en liña. "Condición que non aceptamos polos evidentes riscos de seguridade e transparencia", explica.

Posteriormente, o pasado martes, segundo a CIG, a dirección de Navantia na ría de Ferrol trasladou á comisión que negocia sobre este tema que "continúa traballando na loxística necesaria para a realización de exames presenciais", ao mesmo tempo que a comisión de emprego "estaba a traballar na elaboración dun documento explicativo da situación actual de todas as convocatorias de prazas para trasladar publicamente".

"E, nunha actuación desleal e partidista, o presidente do comité pretende acaparar un minuto de gloria entorpecendo as negociacións en curso, e non é a primeira vez", lamenta a central nacionalista.

PETICIÓN FORMAL

Por todo iso, a sección sindical da CIG no estaleiro público ferrolán solicita que se convoque "un pleno do comité de empresa, urxente e monográfico, sobre esta solicitude de dimisión".

Asegura que "o labor do presidente do comité debe de ser a defensa das propostas da representación dos traballadores e non facer de portavoz das posturas da empresa", incidindo en que "as negociacións están a ser moito máis prolongadas e duras do que cabía imaxinar inicialmente". "Pero estamos esperanzados en conseguir melloras nos procesos de acceso a Navantia", matiza.

Por último, a CIG tamén reclama ao resto de sindicatos colaboración "para conseguir que todas as prazas de acceso sexan convocadas como corresponde a unha empresa pública, cuxos salarios saen do erario público", a través dunha convocatoria pública e a través de oposición e concurso-oposición, "tal e como aprobou a asemblea de traballadores".

Concentración de delegados da CIG ás portas de Navantia en Ferrol.
Concentración de delegados da CIG ás portas de Navantia en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta