Traballadores de tendas de Inditex protestan polo cambio de horarios e quendas

Tamén participaron empregados de auxiliares da compañía afectados por un expediente de regulación temporal de emprego.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 12/06/2020 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

Traballadores de tendas de Inditex mobilizáronse ante a sede da compañía, no polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña) "contra o cambio unilateral de horarios e quendas", sinala CIG-Servizos, convocante da protesta.

Concentración de traballadores de tendas de Inditex ante a súa sede en Sabón, en Arteixo
Concentración de traballadores de tendas de Inditex ante a súa sede en Sabón, en Arteixo | Fonte: CIG.

Na protesta, segundo informa, tamén participaron empregados de auxiliares de Inditex afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), como Vero Juncal Mantenimiento, onde está convocada unha xornada de folga para o vindeiro luns.

"Estes cambios, que foron denunciados pola CIG ante a Inspección de Traballo, afectan tamén as traballadoras con concreción horaria para o coidado de nenos, o que limita o seu dereito á conciliación da vida laboral e familiar", engade o sindicato. Ademais, indica que "as modificacións de horarios se impuxeron sen negociación nin comunicación previas, sen que Inditex especificase a súa duración".

A protesta contou tamén coa participación de representantes do BNG, entre eles o cabeza de lista da candidatura da formación nacionalista ao Parlamento galego, Xosé Luís Rivas, que alertou dun "ERTE encuberto masivo nas empresas auxiliares de Inditex". Xunto a Rivas, estiveron tamén o número tres da candidatura do BNG, Mercedes Queixas, e o portavoz municipal en Arteixo, Xurxo Couto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta