Temas: CONCILIACIóN

O bono de 500 euros para conciliación tamén cubrirá excedencias e reducións de xornada na pandemia

Os requisitos de renda son 806 euros netos por membro da familia, descontadas as extra e usarase a nómina do mes anterior

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/06/2020 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O bono extraordinario de 500 euros para axudar ás familias con menores de 12 anos a cargo polo peche de colexios e escolas infantís tamén cubrirá a aquelas persoas que, mantendo o seu traballo en activo, reducisen a súa xornada laboral --e de ingresos-- para facer fronte ao coidado dos fillos durante este período.

Nena patinando no primeiro día de saídas autorizadas a menores desde o inicio da pandemia de coronavirus
Nena patinando no primeiro día de saídas autorizadas a menores desde o inicio da pandemia de coronavirus | Fonte: Europa Press

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou, nunha edición extraordinaria este venres, as ordes de axudas para conciliación de menores de 12 anos e para entidades privadas afectadas polo peche dos centros durante a pandemia e que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hai dúas semanas ao anunciar que ata setembro non abrirían ningún destes centros.

Estas axudas, para as que hai o prazo dun mes para presentar a súa solicitude, contan cun orzamento total de 18 millóns de euros. A axuda constará dun bono de 500 euros por familia que cumpra os requisitos e teña gastos desa contía ou superiores, e poderá cubrir o 100 por cen dos gastos con ese tope.

O período subvencionable comprenderá desde o 16 de marzo ata que se levante a suspensión das actividades como medida preventiva da saúde pública nas escolas infantís de 0-3 anos e nos centros de ensino non universitarios, non podendo estenderse en ningún caso máis aló do exercicio orzamentario vixente.

A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado. Deberán acreditarse.

PERSOAS BENEFICIARIAS

Poderán ser beneficiarias das axudas os pais/nais, titores ou persoas que teñan en acollemento familiar ou garda preadoptiva menores de ata 12 anos de idade, residentes en Galicia cos seguintes supostos: coidado dun menor nado con posterioridade ao 31 de agosto de 2007, que ambos os proxenitores --ou único no caso de monoparentais ou custodia non compartida-- estean a traballar.

Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo no que non se exerza efectivamente, de maneira que deberán presentar, nestes casos, unha solicitude individual cada proxenitor.

En canto ao requisito de renda, terase en conta a última mensualidade con respecto á presentación da solicitude, e se detraerá a parte proporcional da paga extraordinaria no caso de que a haxa. No caso de persoas traballadoras autónomas, teranse en conta os rendementos netos da unidade familiar. O límite é 2.500 por unidade familiar ou, no caso de superalos, 806 euros per cápita (3.224 euros netos en caso dunha familia de catro membros, por exemplo).

GASTOS SUBVENCIONABLES

Serán subvencionable a contratación de servizos de atención á infancia a domicilio; a contratación laboral dunha persoa empregada do fogar destinada ao coidado de nenos e nenas (neste caso tamén se terán en conta as ampliacións de contratos preexistentes que se realicen con esta finalidade); pasar a situación de excedencia por coidado de fillos ou redución de xornada de traballo por esta causa, sempre que supoña unha redución efectiva nas retribucións.

Tamén se considerarán as reducións da xornada de traballo preexistentes que se adaptasen ou modificasen con esta finalidade. Non será obxecto de subvención os períodos nos que se perciba a prestación por nacemento ou coidado de persoa menor no marco da normativa da Seguridade Social.

As solicitudes deberanse presentar de forma telemática obrigatoriamente (agás emenda), co obxectivo de cumprir as solicitudes de forma "áxil e eficaz". Deberán presentar distinta documentación, como os certificados de empadroamento e a nómina e un certificado de empresa ou declaración responsable conforme está a traballar e o horario, así como o período de vacacións de 2020, o documento de baixa por excedencia ou a liquidación para autónomos.

Con posterioridade, deberá xustificarse o contrato laboral no caso de que se contratou a unha persoa para labores domésticos, as facturas e os recibos de abono da nómina e do pago da cota da seguridade social.

Temas: CONCILIACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta