Suspendidas todas as competicións oficiais de caza en 2020 a nivel provincial, autonómico e estatal

A medida tómase en resposta á crise pola Covid-19.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/06/2020 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O Comité Interautonómico da Real Federación Española de Caza (RFEC) decidiu suspender de maneira definitiva todas as competicións oficiais de caza a nivel provincial, galego e nacional ata 2021 debido á crise do coronavirus.

Imaxe dun home practicando a caza
Imaxe dun home practicando a caza | Fonte: Federación Galega.

Segundo informou a Federación, a decisión adoptouse atendendo a dous criterios fundamentais. Por unha banda, a desigualdade de condicións na que ían chegar os deportistas, xa que a desescalada é asimétrica nas distintas comunidades autónomas.

Doutra banda, destacan, "primou a saúde" dos cidadáns, xa que "como están a advertir as autoridades sanitarias, o risco de rebrotes será maior no outono e inverno, polo que a celebración destas probas, que nalgúns casos reúnen varios centos de persoas, só fai incrementar o risco de contaxios, ao que se suman as restritivas medidas sanitarias que fan que a maioría destas probas sexan inviables a día de hoxe".

A RFEC explicou que esta opción é o "máis xusto a día de hoxe". "A desescalada é distinta en cada autonomía, os deportistas non poderían disputar a proba en igualdade de condicións e, tal e como nos advirten as autoridades sanitarias, os riscos dun rebrote seguen aí, polo que non podemos pór en risco a saúde das persoas", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta