Feijóo acelera a precampaña acusando ao Goberno do sucedido en residencias de maiores

Recoñece que é necesario revisar o modelo das residencias mentres ataca ao executivo central por "desentenderse" dos maiores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2020 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acusou este sábado ao Goberno central de "desentenderse" da xestión das residencias de maiores durante a pandemia de coronavirus, á vez que instou a debater a creación dunha norma de saúde pública que permita "limitar a mobilidade" dalgúns territorios nos que os niveis de contagios permanezan altos, unha vez concluído o estado de alarma.

"As residencias tivémolas que xestionar os presidentes autonómicos", dixo, nunha entrevista na Cadea SER na que acusou ao Goberno de "abandonar" estes centros, onde se rexistraron unha parte importante das vítimas da COVID-19.

Durante a pandemia, explicou Núñez Feijóo, as medidas tomáronse a través dun "mando único" que "se desvinculou de todas as residencias", deixando a responsabilidade ás comunidades. "Se algo tivo que ver, foi por ausencia. Nada fixo", engadiu.

Unha vez superadas as semanas máis graves da pandemia, o presidente galego admitiu que "é o momento de revisar o modelo" das residencias" e detectar "en que cousas se fallou" para evitar que a situación volva repetirse.

NOVA NORMALIDADE

Galicia abandonará este luns a fase III do proceso de desescalada e entrará na nova normalidade, algo que o presidente galego non viu precipitado, se non "ao ritmo da situación epidemiolóxica de Galicia", cos cocientes de contaxio mais baixas do Estado.

En todo caso, lembrou que o virus segue estando presente, e instou a "seguir con cautela, con rigor, mantendo a distancia, con hixiene e facendo uso de máscaras".

No entanto, e ante o feito de que algunhas comunidades chegarán ao fin do estado de alarma sen concluír a desescalada, Feijóo avanzou que proporá este domingo na conferencia de presidentes que se articule unha norma de saúde pública que permita limitar os movementos de determinadas rexións se, por causa dunha pandemia, presentan niveis altos de contaxio.

Núñez Feijóo referiuse, en particular, a casos como os dos cidadáns de Madrid ou Barcelona que, suprimido o estado de alarma, poderán moverse por todo o territorio nacional. Sobre esta cuestión, o xefe do Executivo galego considerou que se "perderon tres meses" nos que se puido lexislar para manter esta posibilidade fose do estado de alarma.

RECONSTRUCIÓN ECONÓMICA

Para paliar os efectos da pandemia, a Xunta traballa nun plan de reconstrución que, en opinión de Feijóo, ten que centrarse en "que as compañías teñan liquidez, que non creben, e flexibilizar a interpretación dos ERTEs".

Ademais, explicou que a emerxencia sanitaria obrigou a unha "reordenación dos orzamentos", con partidas destinadas a políticas sociais, para que "ninguén quede atrás".

Do mesmo xeito referiuse ao tirón económico do Xacobeo 2021, que ía ser "o mellor da historia", pero que "xa non o vai a ser". "A pandemia veu truncar o mellor Xacobeo da historia", dixo Núñez Feijóo, que confiou en buscar mecanismos que permitan "amplialo" ao ano seguinte.

ELECCIÓNS DO 12J

Finalmente, preguntado polas eleccións do próximo 12 de xullo, o presidente galego rexeitou caer no "triunfalismo", diferenciando entre "as enquisas" e as urnas, xa que "o camiño máis recto para perder eleccións é confiarse demasiado".

Para a campaña, dixo que estaría encantado de recibir en Galicia a Pablo Casado e Mariano Rajoy, "e todos os que queiran vir".

Sobre o risco de celebrar as eleccións neste contexto, insistiu en que, segundo os informes que manexa, é o momento que supón un menor risco, aludindo á opinión dos expertos sobre a posibilidade de que haxa rebrotes no outono. Por iso, animou aos galegos a que vaian votar con "tranquilidade".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Naviza

Este tipo é moito peor do que eu pensaba, e xa pensaba moi mal del!

3 Arteixá

O colmo!! Cando foron as leis do PP, en connivencia co PSOE, as que abriron a porta á xestión privada das residencias e a privatización dos coidados hai xa máis de dez anos. Non só iso, senón que en vez de crear prazas de xestión pública, abocan as familias a ingresar os familiares en residencias privadas a cambio de “axudarlles” a pagar prazas en residencias privadas. Deste xeito, a Xunta gasta cartos en axudar a medrar as privadas en vez de usar eses cartos en crear prazas públicas. El foi dos primeiros en pedir autoxestión da crise da COVID-19. NOXENTO.

2 Xesús Ateo Recalcitrante

Menudo senvergoña ese Feijóo. Vomo se pode mentir tan descaradamente. É, e era, a Xunta a que ten todas as competencias sobre as residencias de maiores. E a Xunta a que recibiu as denuncias dos familiares e a que nada fixo polos residentes, a que os abandoou á súa sorte coas consecuencias que todos coñecemos. Que non vexa para outra parte; é el, e só el, o máximo responsable do que pasou nas residencias privadas de maiores. Que recupere unha pouca vergoña (se algunha vez tivo algunha).

1 Gamela

Como veña a Galicia a Marquesa VOX vai ter votos a moreas ! Pero coñas a parte sobre as Residencias non vale botar balóns fóra ! A política de lazaretos resultou nefasta pero aínda hoxe temos unha débeda cos nosos vellos e vellas que siguen encerrados 90 días sen recibir unha visita HUMANA nin poder siquera sair a estirar as pernas e poder mirar que o mundo sigue andando... Os vellos non teñen tempo que perder por culpa dos protocolos do carallo !!! Vergoña para todo nós !!! https://twitter.com/00Gamela/status... Ver comentario baixo o artigo de Évole !