Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2020 | Actualizada ás 17:15
A Consellería de Educación publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria pola que se abre o prazo para participar no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE).
Ao amparo deste programa, o alumnado de centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia pode preparar as probas de certificación das Escolas oficiais de Idiomas dos niveis dos ensinos especializados de idiomas.
A formación que recibirá o alumnado é gratuíta e realizarase fóra do horario lectivo. O CUALE desenvolverase en 4 modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).
Así, informou a Xunta, poderán cursar a modalidade CUALE A1 os estudantes que superasen todas as materias do 2º curso de ESO e que estean matriculados en 3º. A modalidade CUALE A2 está dirixida ao alumnado que superase todas as materias de 3º de ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.
Por outra banda, o CUALE B1 vai dirixido ao alumnado de bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. As modalidades CUALE B2 serán para as alumnas e alumnos de bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado do nivel intermedio das EEOOII ou outros certificados do nivel B1.
O profesorado encargado de impartir o CUALE, docentes de ensino secundario de lingua estranxeira, realizará probas ao final do curso en cada nivel. A superación destas probas supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do CUALE A1, e dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas escolas oficiais, no resto das modalidades.
Os centros que desexen implantar o programa CUALE deben facer a correspondente solicitude en liña, completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede na ligazón http://www.edu.xunta.es/programaseducativos. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o día 30 de xuño de 2020.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.