Feijóo pide un protocolo de rebrotes, aínda que pode reclamar pechar concellos ou provincias

Di que non ten competencias en infraestruturas do Estado, nin no caso de que haxa que pechar todo o país galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2020 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu este domingo en pedir "reformas legais" en materia sanitaria, de modo que se habilite ao Goberno central a poder restrinxir a mobilidade nun determinado territorio de España que presente un rebrote de COVID-19. Con todo, tamén recoñeceu que a Xunta pode pedirlle a un xuíz o peche dun concello ou dunha provincia no caso de rebrote.

Na rolda de prensa posterior á décimo cuarta videoconferencia co xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos, Feijóo mostrou a súa "preocupación" coa reapertura o próximo 21 de xuño das fronteiras do espazo Schengen --agás con Portugal-- e entre as propias comunidades que conforman España, ante a "ausencia" de lexislación sanitaria específica e dun plan único estatal fronte a rebrotes.

"Volvinlle a insistir ao presidente que é imprescindible dotarnos de capacidade legal para actuar en caso de rebrotes localizados. Imaxinemos un rebrote nun territorio, un municipio, unha cidade. Non será máis lóxico, máis responsable e máis útil para poder acoutar e regular a circulación nestas zonas en lugar de non facer nada para impedir a propagación do virus?", preguntouse.

Por iso, mencionou a Lei Orgánica de Saúde Pública e suxeriu "engadir un artigo" que permita ao Executivo adoptar estas medidas. "Non deberiamos iniciar períodos de vacacións parlamentarias sen facer esa modificación legal", engadiu.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA | Fonte: Europa Press

PODE PEDIR PECHAR ZONAS

E é que, a horas de que Galicia se converta na primeira comunidade en abandonar o estado de alarma e en entrar na nova normalidade, Feijóo explicou que a Xunta pode pedirlle a un xuíz o peche de localidades, ou mesmo provincias, ante un novo brote de coronavirus.

"As autonomias si podemos pechar un concello pero non unha autovía, porto ou aroporto", dixo para xustificar ese plan de rebrote ao Goberno central. "Podemos pechar un concello se temos autorización xudicial e logo pedir a colaboración das forzas de seguridade do Estado. Pero as autonomías non temos competencias de pechar infraestruturas do Estado, nin para pechar a autonomía", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dani

A saúde pública é un dereito do artigo 43 da CE, un principio reitor da actividade social e económica que se refula por lei ordinaria. Non pode regularse con leis ordinarias os dereitos e liberdades públicas dos artigos 15 a 29 da CE. O dereito de libre circulacion é o 19 e polo tanto nin existe Lei Orgánica de Saúde Pública nin unha lei de saúde publica pode limitar a circulacion polo territorio español (pode limitar horarios de instalacións e actividades, suspendelas, pechalas, poñer condicións hixiénicas, etc).