A Xunta atrasa o inicio dos campamentos e evita posibles polémicas de contaxios de nenos en plena campaña

Os campamentos comezarán a segunda quincena de xullo, aínda que a data inicial era a comezos de mes. Os usuarios terán que achegar unha declaración sobre o seu estado de saúde e se usarán máscara cando non se garanta a distancia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2020 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, presentaron este luns o programa de campamentos de verán xuvenís e campos de traballo para este ano, no que a Xunta oferta máis de 6.800 prazas en distintas modalidades. Un programa que non está exento de polémica xa que se aprobou sen incluír nas bases un protocolo específico fronte á COVID-19 e mentres pais e entidades critican que se celebren campamentos e non se abran as garderías infantís.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita un campamento de verán en Portomarín (Lugo).. XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visita un campamento de verán en Portomarín (Lugo).. XUNTA DE GALICIA

A realización destes cursos atrasarase quince días sobre os prazos previstos no concurso inicial que prevía o inicio a comezos de xullo. Xustamente, este atraso coincide coas eleccións galegas que se celebrarán o día 12. Fontes da Xunta consultadas apuntan que este atraso é debido, precisamente, a necesidade de adaptar os espazos e os campamentos aos protocolos da COVID-19. Con todo, e con este atraso, evitase que poidan xurdir polémicas por algún contaxio entre nenos en plena campaña electoral. 

Tal e como explicaron, a cifra de prazas este ano é menor ás dos anos anteriores dado que as actividades reorganizáronse de acordo aos aforamentos máximos permitidos para evitar os contaxios por COVID-19, o que obrigou, ademais da actividades con menos participantes, a menos postos de aloxamento.

No entanto, e a pesar de que en Galicia non se renovarán as clases tras o estado de alarma, a Xunta decidiu pór en marcha estas actividades co obxectivo de que os nenos e mozos "teñan bos recordos deste verán", así como para ofrecer unha alternativa de conciliación para as familias.

PROTOCOLOS

Os pregos orixinais non facían alusión a protocolos COVID, xa que foron publicados en decembro. Con todo, e tras o parón polo estado de alarma, a Xunta non incluíu ningún requisito a este respecto na reapertura do concurso, que tivo que atrasarse pola crise. Foi só a posteriori, tal e como informou Galicia Confidencial, cando a Consellería de Política Social publicou unhas recomendacións para as empresas adxudicatarias do servizo.

A conselleira insistiu en que estes campamentos e este protocolo está avalado polo comité clínico galego e terán unha "redución importante de aforamento" nas instalacións. Tamén sinalou que se reforzará a cifra de monitores para facer actividades con menor número de participantes e implantaranse as medidas hixiénico-sanitarias necesarias, entre elas apostar por actividades que favorezan a distancia social.

CRÍTICAS

presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendía este domingo que centos de nenos coincidan en actividades comúns en campamentos de verán porque as actividades ao aire libre "son máis seguras", pero non en abrir as garderías infantís, tal e como piden asociacións, pais e mesmo partidos da oposición.

Neste sentido, defendía esta posición asegurando que que, os nenos interactúan de “xeito diferente” en campamentos ao aire libre, que dentro de instalacións. Por iso, a Xunta insiste en manter abertos durante o verán os campamentos, con miles de prazas, e non as garderías infantís, que abrirán en setembro. “Abrir todo á vez no ámbito dos nenos parécenos moi arriscado”, suliñou. 

Feijóo insistiu en que as garderías son “lugares pechados” e para nenos de 0 a 3 anos, mentres que os campamentos “son para nenos de máis de sete” e nos que hai protocolos de “limitación de aforo”. Con todo, algúns dos obradoiros destes campamentos serán tamén celebrados en zonas interiores. 

ALGUNHAS NOVIDADES

Con iso, a partir da segunda quincena do mes de xullo e ata inicios de setembro, programaranse tanto campamentos de verán para nenos de entre 9 e 17 anos, como campamentos específicos para persoas con discapacidade e campos de voluntariado para maiores de idade.

Como novidade, este ano ofertaranse case 600 prazas para nenos de 12 a 14 anos na modalidade de 'minicampamentos' Coñece Galicia, organizados en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e que terán unha duración de cinco días, de luns a venres. Dada a situación actual, non se farán con todo intercambios con outras comunidades autónomas.

Ademais, haberá unha diversidade de temáticas, explicou Fabiola García, que abarcarán tanto campamentos de cociña, en colaboración co Centro Superior de Hostalaría de Galicia, como os vinculados ao ámbito da aeronáutica, as novas tecnoloxías ou o coidado de medio ambiente. Cederanse tamén 360 prazas en residencias de Lugo e Ourense para entidades interesadas en organizar as súas actividades.

Entre as novidades da solicitude, as familias deberán entregar unha declaración responsable sobre a saúde dos participantes, e a súa incorporación aos campamentos será "graduada". As actividades realizaranse en grupos dun máximo de 15 mozos cun monitor, primando aquelas que garantan a distancia de seguridade. En todo caso, se non é así, deberá empregarse máscara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

En Vigo temos outro caradura que logo de mercar dous camións para desinfectar a cidade enteira (según el) agora non ten cartos para desinfectar os parque infantís (?) https://vigohoy.es/vigo-estrena-la-...

1 galeguiña

Apuntando á 4ª maioría absoluta. JE,JE,JE,JE