Temas: XACOBEO TURISMO

As oficinas de Turismo das sete grandes cidades galegas inician a súa actividade

Fomentarase o uso de canles dixitais para facilitar a información aos usuarios, proporcionando materiais e documentos en formato electrónico, como os códigos QR.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

As oficinas de turismo de titularidade da Xunta retomaron este luns a súa actividade nas sedes do sete grandes cidades galegas, tras adaptar os seus espazos ás medidas para evitar a propagación da COVID-19.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou con este motivo as instalacións xestionadas polo Goberno galego na rúa Cánovas do Castelo de Vigo.

Ademais deste establecemento, abriron as súas portas as dotacións situadas na Coruña (rúa Celedonio de Uribe 2), Ferrol (Praza Camilo José Cela s/n), Lugo (rúa Miño 12), Ourense (rúa Concello 4), Pontevedra (rúa Marqués de Riestra 30), e Santiago de Compostela (Praza de Mazarelos 15).

En canto ás oficinas instaladas no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela (rúa Carretas 33) e no aeroporto Rosalía de Castro, retomarán a súa actividade o próximo 1 de xullo.

Entre as medidas introducidas para garantir a seguridade de usuarios e traballadores destaca a eliminación do autoservizo de folletos turísticos por parte do cliente para evitar a súa manipulación. Así pois, este tipo de materiais serán facilitados por parte do persoal das oficinas, non se poderán compartir e, unha vez entregados, non se devolverán.

Do mesmo xeito, fomentarase o uso de canles dixitais para facilitar a información aos usuarios, proporcionando materiais e documentos en formato electrónico, como os códigos QR.

Ademais, os visitantes deberán permanecer na oficina o tempo estritamente necesario para recibir a atención precisa e non se poderán empregar dispositivos como pantallas táctiles ou outros equipamentos de uso compartido, a non ser que se asegure a dispoñibilidade de medios para o seu uso seguro.

Dentro das instalacións será obrigatorio o uso de máscara cando non se poida garantir a distancia de seguridade entre os traballadores e os usuarios. Ademais, naqueles casos nos que non resulte posible manter esta distancia na atención ao público, instaláronse elementos de protección ou barreiras como pantallas de metacrilato.

GALICIA, DESTINO SEGURO

As oficinas de turismo son un dos campos incluídos no programa 'Galicia destino seguro', dotado con 8 millóns de euros para impulsar a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade a través de diferentes accións de apoio, adaptación, formación e información ás empresas do sector.

No campo da información, o Goberno galego elaborou un manual específico para estes establecementos que condensa os requirimentos e recomendacións formulados polo Goberno central e recomendacións adaptadas ás oficinas de turismo da Comunidade.

Do mesmo xeito, no campo formativo, este programa inclúe máis de 500 accións centradas na implantación de medidas de seguridade sanitaria para os distintos axentes do sector con capacidade para 50.000 prazas, entre as que se atopa unha sesión formativa específica para as oficinas de turismo.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. XUNTA
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. XUNTA

Temas: XACOBEO TURISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta