Máis de 63.000 persoas recibirán comida na primeira fase do Programa de Axuda Alimentaria 2020 en Galicia

Nove centros de distribución e 440 entidades colaboran no reparto dos alimentos, que van desde arroz a conservas, leite ou potiños infantís.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/06/2020 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

Máis de 63.000 persoas en situación de vulnerabilidade recibirán comida durante a primeira fase do Programa de Axuda Alimentaria 2020 en Galicia, onde nove centros de distribución e 440 entidades colaboran no reparo dos alimentos, que van desde arroz a conservas, leite ou potiños infantís.

O  delegado do Goberno, Javier Losada, visita as instalacións do Banco de Alimentos Rías Altas, que participa no Programa de Axuda Alimentaria 2020.
O delegado do Goberno, Javier Losada, visita as instalacións do Banco de Alimentos Rías Altas, que participa no Programa de Axuda Alimentaria 2020.

Este luns en Meicende --Arteixo (A Coruña)--, onde o Banco de Alimentos Rías Altas ten o seu almacén, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, participou na presentación do arranque da primeira fase das tres que compoñen este programa, desenvolvido polo Fondo Español de Garantía Agraria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En total, 63.190 persoas de toda Galicia recibirán os 1,12 millóns de quilogramos de alimentos que compoñen a primeira fase dun programa que o pasado ano moveu 4,5 millóns de quilos valorados en 4,4 millóns de euros.

O Banco de Alimentos Rías Altas almacena neste momento 106.058 quilogramos. Dos 1,12 millóns de quilogramos en Galicia, 347 toneladas corresponde á provincia da Coruña, cunha dotación de 274.000 euros e 20.099 persoas beneficiadas. A provincia ten 3 centros de distribución e 110 entidades colaboradoras.

Trátase de produtos de carácter básico, pouco perecedoiros, de fácil transporte e almacenamento como arroz branco, feixóns cocidos, leite enteiro, aceite de oliva, conservas de atún, froita e xudías verdes en conserva, cacao soluble, potiños infantís de froita e pito, cereais infantís e leite de continuación en po.

"Quero agradecer especialmente ao ministro Luís Planas polo reforzo deste programa, que está centrado nas persoas en situación de vulnerabilidade. Son 100 millóns de euros este ano e en Galicia temos só nesta primeira fase case 1 millón con 1,12 millóns de quilos de alimentos. Despois teremos outras dúas fases", informou Losada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta