Como vivir nunha Compostela sen peregrinos e recuperar espazos perdidos

Que pasa cando lle quitas o turismo a unha cidade que cada vez máis depende del? Que renace? Que queda inerte? Eis as reflexións duns cantos habitantes de Santiago.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Esta crise deixou paisaxes inauditas ao seu paso polas cidades: rúas desérticas, comercios enreixados, estradas en silencio... Nos días do confinamento máis duro, as urbes habitáronse desde as xanelas, coa vista fixada naquela tenda que sempre visitabamos, naquel bar de parada obrigada, naquela rúa pola que volviamos do traballo todos os días... Pouco a pouco estamos regresando ao espazo público, mais facémolo dun xeito diferente a cando nos retiramos del. Polo camiño tivemos que acostumarnos a vestir máscaras e gardar distancias, tivemos (e teremos) que asumir peches definitivos de pequenos comercios e tivemos que reaprender a habitar unhas cidades nas que o virus é o novo inquilino. Pero ao mesmo tempo, as urbes volveron adquirir algo daquel pobo que foran noutro tempo. 

Praza do Obradoiro sen a presenza de turistas
Praza do Obradoiro sen a presenza de turistas | Fonte: GC

"O primeiro día que saín á rúa subín á praza do Obradoiro; foi impresionante. Nunca a vira sen espectáculos para turistas en cada esquina, sen xente que a abarrotara sacando fotos... Alí só estaban unhas cantas persoas sentadas nunha esquina". Antía Celeiro, unha moza compostelá de toda a vida, agradeceu esa tranquilidade insólita que se respiraba ao pé da catedral de Santiago. O turismo transforma as paisaxes das cidades e a forma de vida de quen as habita sempre. A ausencia del deixa unha Compostela que dá para reflexionar. 

Os albergues que se espallan pola cidade agardan ansiosos o regreso dos peregrinos, os trens turísticos desapareceron do día a día, moitos bares da masificada rúa do Franco aínda colgan o cartel de 'pechado'... Contrasta todo isto co que acontecía hai só uns meses: 2019 remataba con Santiago á cabeza dos destinos turísticos de todo o Estado. Os ingresos dos hoteis medraban un 11,3% e un total de 3.936 empregos dependían directa ou indirectamente do sector, un 7,3% máis ca o ano anterior (segundo o balance de Exceltur). As cifras tendían a consolidar o seu aumento ás portas do Ano Santo e da celebración do Xacobeo 2021. Máis alá de datos, os propios usos da cidade tamén evidencian a crecente importancia do turismo cada vez que un ultramarinos pecha para dar paso a unha tenda de souvenirs ou cada vez que unha vivenda de uso residencial se converte nun piso para visitantes.

Que pasa cando lle quitas o turismo a unha cidade que cada vez depende máis del? Que renace? Que queda inerte?

A FINA LIÑA ENTRE "CIDADE PANTASMA" E TRANQUILIDADE

Comercio enreixado na capital galega
Comercio enreixado na capital galega | Fonte: GC

O golpe económico é fondo. Eses case 4.000 empregos miran con incerteza o futuro, que enfronta o gran reto de reactivar o sector. Se algo evidenciou esta crise da Covid son os perigos de que a economía dunha cidade se enfoque nunha soa dirección. "Cando se aposta todo a unha carta e esa carta falla desmorónanse moitas cousas detrás". Quen fala agora é Patriza Portopaderne, outra habitante de Santiago, máis concretamente de Sar, e libreira da Lila de Lilith. Lembra que camiñar pola zona vella en pleno confinamento era como atravesar unha "cidade pantasma". Cando só os servizos esenciais tiñan permitida a apertura, Compostela constatou que o seu casco histórico estaba falto "dese comercio que é útil para o día a día" dos habitantes. 

Mentres no corazón da cidade todo permanecía coa reixa baixada, o barrio de Sar, pola contra, si que mantiña esa "mínima vida permitida" grazas ás tendas de barrio que o dinamizaban. Nisto tamén concorda Antía: "Cando saías da améndoa da zona vella vías moitas tendiñas pequenas que continuaban tal cal estaban porque os servizos que ofrecían eran para a xente que vivía ao redor". De non saír, só o Mercado de Abastos se libraba dese ambiente pantasmagórico.

Nel, a falta de turistas tamén se evidenciou no xeito de mercar. O comercio destinado á venda de recordos deixou de funcionar e aqueles que nunca dependeron do turismo continúan a súa actividade incluso con máis "tranquilidade". "Eu penso que xa comezaban a saturar un pouco; algúns dos meus clientes deixan de vir os sábados tarde porque non se daba andado", relata unha das mulleres que leva anos vendendo na praza, concretamente, na froitería A Casa da Quenlla. "É importante aprender a sobrevivir sen turistas, porque chega unha pandemia destas e aquí hai que seguir comendo. Hai que ver máis o que temos á beira da casa", engade.

Esa tranquilidade reitérase en todas as conversas que fían esta reportaxe. Pepe é santiagués e taberneiro na rúa de San Pedro en Compostela. Como residente da zona monumental, di que a falta de turistas "crea un ambiente máis relaxado na rúa". "Antes había rúas máis aglomeradas que evitaba - como O Preguntoiro ou O Franco -, e ás que agora se pode acceder sen problema". O seu negocio, A Casa do Taberneiro, se ben aínda non abriu pola "incerteza da evolución da pandemia", "foi creado para o uso da xente da cidade", de maneira que a ausencia de turismo non lle afecta directamente.

O MOMENTO DE PASEAR

O silencio tamén se apodera desta cidade sen peregrinos. Os seus bastóns xa non baten polas beirarrúas e os seus cánticos non espertan a veciñanza da cidade. Camiñar por certas rúas convértese nunha experiencia única para as persoas habitantes de Compostela, que ademais "recuperan espazos da cidade que antes só utilizaban os guiris". "O outro día pasei pola praza da Quintana e a terraza estaba chea de xente, e a miña reflexión foi: 'toda esa xente que está aquí sentada agora mesmo é de Santiago'. Resultoume raro pensalo", explícase Patriza. "É o momento de pasear pola zona vella". Nunha praza preto do Mercado rexenta outra tenda de comercio local Sagrario Pena, A Marusía. Desde o resgardo do seu comercio, estoutra muller vai observando os cambios que se producen no seu entorno máis achegado. "Durante o confinamento notei que a falta de terrazas deixara paso a que a cativada xogara na praza". 

En pleno Camiño Francés atópase María Augusto, que rexenta o bar Londres. No seu caso tamén decidiu non orientar o seu negocio ao turismo: "Nunca quixen entrar nese rol; somos moito de intentar que veñan a costa de moitísimo sacrificio". Enfrente, á esquerda e á dereita, o bar Londres está rodeado de albergues. "Dóeme moitísimo na alma polos meus compañeiros". Ela, di, sabe que perde diñeiro por non enfocarse ás demandas dos peregrinos, pero non lle preocupa. "Reláxame non depender deles. Sempre o tiven moi claro: eu son soldado raso, prefiro ter sempre a mesma xente e camiñar en liña recta que non traballar con altibaixos". Con todo, considera que é "inevitable e irremediable" que en unha cidade como Santiago o turismo non se masifique. "O problema é que interesan máis os números que a calidade. Falta unha boa ópera!".

UN XIRO Á HISTORIA

Quizais este sexa un bo momento para repensar e reformular que turismo se quere en Galicia. Dunha Compostela sen peregrinos tamén se sacan aprendizaxes. "Os turistas ofrécennos integración cultural, apertura ideolóxica, de coñecemento doutra xente... Nótase tamén na falta da vida universitaria de Santiago", relata Antía Celeiro. Pero a súa ausencia, dalgún xeito, tamén "serve para parar no que se estaba convertendo a zona vella, que se esquecía da xente que vivimos aquí, sobre todo, coa proliferación de pisos turísticos". É pronto para saber se algo cambiará de aquí en diante, pero ese "sentimento de baleiro" que se experimentou no confinamento e na desescalada pode aproveitarse como palanca de cambio. "Gustaríame que todo isto servira para darlle un xiro á historia", fala Antía.

"Cómpre buscar un equilibrio entre ser cidade receptora como sempre o foi, de estudantes e visitantes, e xestionar unha economía máis circular, que flúa internamente aínda que exista esoutra que depende da xente de fóra". Patriza, desde a Lila de Lilith, cre que eses cambios que non se querían enfrontar, "agora están máis que xustificados". "Que modelo económico e que relacións económicas e sociais queremos na cidade?".

Non é inusual que os habitantes de Santiago se refiran á súa urbe como "o pueblo". Algo permanece por riba do paso dos tempos. A de hoxe é unha Compostela que recorda á nenez, á cidade que era hai 20 anos, e que solta preguntas que urxen resposta.

O cartel de 'pechado' colga dun restaurante dunha das rúas con máis turistas de Santiago de Compostela
O cartel de 'pechado' colga dun restaurante dunha das rúas con máis turistas de Santiago de Compostela | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta