Denuncian "irregularidades sanguentas" na contratación de persoal en residencias

CIG critica a paralización da Mesa do convenio tras unha sentenza do TSXG que dá a razón aos traballadores e que foi recorrida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2020 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A responsable da Federación de Servizos de CIG en Ferrol, Beatriz Fernández, denunciou que "o número de traballadores en residencias de maiores" en Galicia non coincide cos "cadros ofertados para as contratacións", o que motiva que nestas instalacións "se traballe con falta de persoal, con condicións escravistas, que non só afecta aos propios traballadores, senón que mesmo aos propios usuarios".

Estas manifestacións realizounas Fernández en Ferrol, nunha rolda de prensa celebrada este martes no local do sindicato na que estivo acompañada por traballadoras das residencias DomusVi en Ferrol, Narón e Laraxe, en Cabanas, ademais de Mi Casa.

"Estas irregularidades son sanguentas no grupo DomunVi, onde, a pesar diso, atopámonos con que no ano 2019 a Xunta orzou 65,7 millóns de euros para o concerto de prazas en residencias privadas, onde casualmente o maior número de prazas foi parar a este grupo, que é o que leva o peso deste sector en Galicia", lamentou

SITUACIÓN A CAUSA DA COVID-19

Beatriz Fernández tamén manifestou que, a consecuencia do coronavirus, nestes centros producíronse carencias, como "falta ou insuficiencia de equipo de protección individual (EPIs), cambios de xornadas de traballo, con xornadas de ata doce horas, coa inexistencia de protocolos de prevención, onde, ademais, se incumpriron protocolos alcanzados con departamentos como enfermaría".

"Ademais da falta de realización de test, que non fixo máis que reforzar a nosa loita pola dignificación do sector", sinalou, para "esixir á Xunta que adopte as medidas necesarias para que a empresa do sector non sigan a converter as residencias de maiores privadas nun servizo low cost".

SENTENZA

Noutra orde de asuntos, Beatriz Fernández referiuse á recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que deu a razón aos sindicatos na súa demanda sobre descanso semanal e sistema de compensación de festivos traballados, e que foi recorrida pola patronal ante o Tribunal Supremo (TS).

"Moitos nos tememos que agora a Mesa do convenio colectivo vai quedar paralizada", sinalou, ao entender que vai ser unha medida que se vai a utilizar "como represalia". "Atopámonos cun convenio denunciado e unha mesa paralizada", dixo, para acusar a patronal desta decisión e a Xunta "por consentidora".

Por parte deste colectivo non descartan iniciar medidas de protesta para tratar de desbloquear a situación xerada nas relacións entre empresas e traballadores.

DomusVi xeriátrico de Barreiro, Vigo ©Miguel Núñez
DomusVi xeriátrico de Barreiro, Vigo ©Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Estou convencido que se falan cos RESIDENTES seguro que tamén eles están dispostos a saír á rúa en manifestación ! Non é coña, basta explicarlles por que están presos e igual encontran unha manchea de voluntarios para facer causa común coas traballadoras ! Estamos bastante fartos de que as demandas sindicais collan a vía dos Tribunais e logo todo dios teña que pagar o pato (?) Pero algúns diredes que esto sería Revolucionario: os vellos e as vellas en cadeiras de rodas enchendo as rúas con máscaras e cos bastóns levantados !!!