Vox infrinxiu a lei ao colocar globos co seu lema de campaña nas rúas galegas

A JEG admite a denuncia do PSdeG pero non impón sanción ao partido que lidera Abascal, que visitou Galicia o día da acción.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2020 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

A colocación de globos verdes co lema electoral de Vox 'Galicia é verde' en varios puntos das cidades galegas supuxo unha infracción da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg). Así o determinou a Xunta Electoral Galega tras unha denuncia presentada polo PSdeG que, con todo, exime de sanción ao partido que lidera Santiago Abascal.

Na mañá do pasado xoves 11 de xuño, centenares de globos verdes serigrafiados coa frase 'Galicia é verde' apareceron en varios lugares emblemáticos das cidades galegas, como as inmediacións da Torre de Hércules, a Alameda de Santiago, O Castro de Vigo ou As Burgas de Ourense.

Ese mesmo día, mentres nas redes sociais se especulaba coa orixe da campaña, o líder de Vox, Santiago Abascal, desprazouse a Galicia para participar no acto de lanzamento da carreira do partido cara ás autonómicas do 12 de xullo. Alí, nunha nave de Mos, Abascal desvelou que os globos verdes formaban parte da estratexia de Vox, que se presenta ás galegas co lema 'Galicia é verde'.

Os feitos foron denunciados ante a Xunta Electoral Galega polo Partido Socialista ao considerar a acción como unha infracción do artigo 53 da lei electoral.

Nunha resolución emitida o pasado luns e contra a que cabe recurso ante a Xunta Electoral Central, a galega determina que Vox incumpriu o artigo da LOREG que prohibe a publicidade ou propaganda electoral en calquera soporte desde a convocatoria oficial das eleccións ao comezo da campaña.

No texto, a JEG determina que, aínda que a exhibición fose do período de campaña en lugares públicos de globos dunha determinada cor e cunha lenda "non ten por que constituír en por si un acto de publicidade ou propaganda ilícito", no caso denunciado si pode considerarse unha infracción da normativa ao poder vincularse directamente cunha formación política, neste caso o partido Vox.

"A pesar de que non hai unha petición expresa de voto, existen sólidos indicios de que eses obxectos constitúen propaganda ou publicidade electoral atribuída ao partido denunciado, efectuada fóra do período de campaña electoral por estar asociados directamente á formación política denunciada", sinala a JEG na súa resolución.

Neste sentido, argumenta que os globos se colocaron en "diversos espazos públicos como prazas, xardíns e rúas" e contaban cunhas características que "se identifican en canto á súa orixe ou autoría política" con Vox, como así recollen as propias redes sociais da organización ou distintos medios de comunicación.

Así as cousas, a xunta determina que Vox infrinxiu o artigo 53 da lei electoral pero rexeita a apertura dun expediente sancionador.

Campaña de Vox en galego
Campaña de Vox en galego | Fonte: Tuiter @martasuarezcota

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 borjamary

todos eles e mais constituen o chamado "retraso expañol"... moito ben de mandriles!

1 Gamela

O PSdG denuncia uns globos miserentos pero enche de propaganda tódolos medios anunciando 900 becas de inglés convocadas polo Concello de Vigo que non se van disfrutar este curso senon o ano que vén (setembro 2021) pero como estamos en campaña todo vale ! Cicais eses globos fagan sorrir a máis dun cativo agora que tampouco teñen acceso aos parques infantis por falta de lixivia (?) https://twitter.com/00Gamela/status...

1 Sentidiño

Canta verdade! As nenas galegas poderán sorrir grazas a Vox! Canto nos queren os españois armados, machistas, racistas e homófobos! (Entre nós, Gamela: pa quén traballas?)

2 Gamela

Traballo para VOX https://i.gal/gamela23