A Xunta Electoral reproba o goberno local da Coruña pola presentación do proxecto dos Cantóns

Faino tras unha denuncia de Marea Atlántica, que lamenta o "uso propagandístico" do mesmo.

Por E.P. | A Coruña | 16/06/2020 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A Xunta Electoral de Zona reprobou o goberno municipal da Coruña por presentar o proxecto de remodelación dos Cantóns ao entender que excede dunha "información puntual e electoralmente aséptica".

A alcaldesa da Coruña,  Inés Rey, presenta o proxecto de remodelación dos Cantóns
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presenta o proxecto de remodelación dos Cantóns | Fonte: Andy Pérez.

Tras unha denuncia presentada por Marea Atlántica, a Xunta Electoral considera que a presentación do proxecto supón "un acto tendente á captación do voto". "Non é unha obra de inminente execución", apunta aludindo aos prazos barallados para a súa posta en marcha.

Ademais, sostén que a actividade realizada desde o grupo de goberno a este respecto "excede dunha información puntutal e electoralmente aséptica, facéndose un extenso alarde de virtudes do proxecto/iniciativa/estudo previo e con claro protagonismo da señora alcaldesa, que é unha persoa significada nun partido concorrente ao proceso electoral", sinala sobre as eleccións do 12 de xullo.

Por todo isto, insta á alcaldesa, Inés Rey, a que "se absteña deste tipo de actos en diante" e a dar publicidade da reprobación nos mesmos medios de comunicación onde foi publicitado o proxecto.

Tras esta decisión, desde Marea Atlántica lamentan "este uso propagandístico do concello, empregado como unha ferramenta na campaña do PSOE". Tamén avanzan que preguntarán ao goberno municipal "polo custo do acto reprobado" pola Xunta Electoral.

"Non discutimos a pertinencia do proxecto, que vai na boa liña de gañar espazo á mobilidade a pé e ao transporte público,reducindo a presenza do vehículo persoal, pero si reprobamos o uso partidista das institucións", sinalan nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta