A Fegamp acusa a Xunta de impor "medidas inasumibles" aos concellos para a xestión da nova normalidade

A Federación Galega de Municipios e Provincias pide que os gobernos locais participen na toma de decisións das medidas a adoptar debido á COVID-19.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/06/2020 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acusou a Xunta de Galicia de impor "medidas inasumibles" con motivo da xestión da nova normalidade e pediu que os concellos participen na toma de decisións das medidas a adoptar debido á COVID-19.

Parque infantil pechado en Santiago
Parque infantil pechado en Santiago | Fonte: Europa Press

A Fegamp explica que esta reclamación se acordou por unanimidade ao termo da reunión da comisión executiva (órgano con representación de todas as formacións políticas) na que, segundo sinala, quedou de manifesto o "malestar" dos concellos por algunhas das medidas publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A Fegamp afirma que os concellos comprenden a complexidade da situación e a necesidade de implantar este medidos, pero considera que a Xunta lles impón unhas funcións de forma "pouco realista", "sen ter en conta as necesidades económicas e de recursos humanos que a posta en marcha destas require e, en moitos casos, sen dispor mesmo do tempo necesario para a súa implantación".

O ente municipalista sinala que o exemplo máis referido foi a apertura dos parques infantís, xa que os concellos que contan cun considerable número destas infraestruturas se queixan do "sobrecusto económico" e o aumento de persoal necesario para poder facer unha limpeza e desinfección diaria en todos eles.

"Desde a declaración do Estado de alarma os concellos non cesaron de asumir funcións extraordinarias, primeiro para a contención da pandemia e posteriormente para recuperar a actividade social e económica sen pór en risco a saúde pública", sostén a Fegamp.

Así mesmo, lembrou que, como membro do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), deu trasladado reiteradamente a través do seu presidente, Alberto Varela, da necesidade dunha maior coordinación e traballo conxunto das administracións na toma de decisións.

"Os esforzos esixidos para os parques infantís súmanse aos que os concellos realizan nas últimas semanas para reabrir servizos e infraestruturas municipais como as instalacións deportivas", indica a federación.

Neste sentido, ve "imprescindible" estudar de forma conxunta os ámbitos restantes para "resolver as dificultades que expón a súa execución" e abordar situacións futuras como a celebración das festas dos concellos e outros eventos populares, cuestións sobre as que Alberto Varela xa pediu protocolos anticipadamente.

Por último, a Fegamp asegurou que, nas distintas intervencións, os membros da comisión coincidiron no desdobramento do persoal municipal polo aumento das necesidades da súa poboación e por prestar atención á poboación en lugar doutras administracións que non incorporan á totalidade dos seus traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta