Funcionarios acusan á Xunta de aproveitarse da COVID-19: "A promoción interna quedou completamente paralizada"

Grupos de funcionarios con exames de promoción interna aprobados levan máis de ano e medio sen poder tomar posesión dos seus postos. A Dirección Xeral de Función Pública adiou este proceso e outros ata o mes de outubro, cando se retomarán todos os procesos que quedaran pendentes antes do estado de alarma. Voces profesionais e sindicais acusan á Xunta de ter paralizado o aparato administrativo galego.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os exames de promoción interna traen con eles un incremento salarial máis o engadido de novos dereitos laborais. Os procesos internos da Xunta deberan convocarse cada dous anos para a promoción dentro do corpo funcionarial. Non obstante, desde que en 2009 tomase posesión Núñez Feijóo como presidente da Xunta, só se convocaron tres probas de promoción interna. A presunta intencionalidade sería a de evitar a promoción interna e evitar así o incremento de gasto en salarios. O anquilosamento da xestión pública autonómica pode traer unha perda de eficacia resolutiva de cara ao público.

Concentración de funcionarios en San Caetano
Concentración de funcionarios en San Caetano

CASE DOUS ANOS SEN TOMAR POSESIÓN

A persoa que aproba o proceso selectivo, ben por promoción interna ou por libre acceso, toma posesión do seu posto. En caso de promoción interna, depende do tipo de praza que se ocupe con anterioridade, pódese quedar na mesma praza mais engadíndolle novos dereitos e aumento salarial. Noutros casos, deben escoller destino nunha lista de vacantes.

En 2018 convocáronse as probas para pasar do grupo C2, auxiliares administrativos a C1, administrativos. Unha promoción interna que incluía 128 persoas. O último exercicio realizado para esta proba foi en xullo de 2019 e logo veu a baremación de méritos. A Consellería de Facenda, explicou a Galicia Confidencial que logo da baremación “a lista de aspirantes que superaron o proceso selectivo publicouse no DOG do 19 de febreiro de 2020, outorgando aos opositores aprobados un prazo de 20 días naturais para presentar a correspondente documentación”. O prazo rematou o 10 de marzo, “catro días antes da declaración do estado de alarma e a correspondente suspensión de prazos administrativos”.

A partir de aí, segundo traballadores da administración galega, houbo un acordo entre goberno galego e sindicatos de adiar para o mes de outubro de 2020 todas as probas convocadas. E isto incluíu a toma de posesión de 128 aprobados en promoción interna. “Nunca se dera un caso como este, de estar aprobados e non tomar posesión da nosa praza case en dous anos” di Carmen, funcionaria afectada.

Os motivos que apuntan tanto Carmen como colegas de traballo é que “debe ser a desidia, a falta de xestión do Director Xeral de Función Pública”. O director xeral de Función Pública é José María Barreiro, que leva no posto desde 2009.

SEGURIDADE

O que está sucedendo afecta a varios corpos administrativos, di Fernando García da CIG-Administración “se afecta a persoas de promoción interna tamén inflúe sobre as de libre acceso porque non tomarán posesión da súa praza ata que non tomen os de promoción interna”. “En febreiro de 2020 sacaron a lista definitiva de aprobados, só quedaba que nos convocaran para tomar posesión”. Isto quedou suspendido polo estado de alarma.

Os motivos apuntados desde a Xunta para non convocar a toma de posesión son os de seguridade, non ter que reunir en espazos reducidos un número importante de persoas. “Isto podería facerse telematicamente, e aínda así, en San Caetano existen espazos de sobra para facer un acto como ese” di Fernando García. A última suspensión dun acto semellante foi o mércores 16 de xuño cando no DOG aparecía a prolongación do prazo para a resolución do concurso interno dentro do Servizo de Gardacostas, “porque non é aconsellable reunir tanta xente no mesmo recinto”.

En tal caso, a mesma Consellería de Facenda responde que se está levando adiante a reincorporación paulatina dos empregados públicos conforme ao protocolo pactado cos catro sindicatos con representación na Mesa Xeral. “Unha vez concluído este proceso, nas vindeiras semanas reanudaranse todos os procesos de persoal interrompidos polo estado de alarma”.

RECORTES E INMOBILISMO

Desde a entrada do goberno Feijóo, o corpo funcionarial da Xunta ten vivido momentos de tensión e protesta como as folgas de Xustiza. Traballadores e sindicatos sinalan a presunta “intencionalidade” . “A idea era que non houbese mobilidade, para aforrar, sen substitucións” ademais de usar o criterio de “comisión de sevizos que favorecía poder colocar a quen lles dera a gana,  por criterio de afinidade política ou técnico”.

“En Xustiza teñen promocións todos os anos” sinala Carmen. “Saben como iniciar un pleito e desde a Xunta non queren ter problemas con eles”. O SERGAS tamén sufría dos mesmos atrasos, mesmo en complementos salariais, isto último xa foi resolto, así pois, con respecto ao corpo de auxuliares administrativos “levan un ano de vantaxe cobrando complementos”.

Coa convocatoria de eleccións para o 12 de xullo, era esperable unha “aceleración” de todos os procesos pendentes, isto de cara a ofrecer resolucións en vista a ter réditos electorais. “É unha das esperanzas, que apuren coas eleccións,  mais o que fan é anunciar ofertas masivas de convocatorias, non resolven cuestións internas” di Fernando García. “Tememos que isto non se moverá siquera co tema das eleccións e que retomen todo para outubro” di Carmen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta