Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2020 | Actualizada ás 12:53
Os concellos coruñeses da Capela, Cerdido, Moeche, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, todos eles na comarca de Ferrolterra, decidiron, de maneira unánime, non abrir este verán as súas piscinas municipais, dadas as circunstancias xeradas pola pandemia da COVID-19.
A través dun comunicado, os alcaldes destes municipios aseguran que adoptan este acordo tras analizar entre todos o contido dos protocolos redactados polo Ministerio de Sanidade e a normativa aprobada pola Xunta de Galicia, documentos nos que se establecen "unhas condicións que os concellos dificilmente poden asumir nin tampouco garantir o seu cumprimento".
Nesta decisión, tomada por mutuo acordo dos diferentes alcaldes, decidiuse "dar prioridade á seguridade dos veciños que acoden ás piscinas municipais, pero tamén se tivo en conta a imposibilidade de que estas instalacións de lecer cumpran o seu obxectivo fundamental no verán, como é que as persoas poidan gozar dun momento de tranquilidade".
ALTERACIÓN DO USO
Aseguran que "a aplicación das medidas preventivas interrompería o uso das instalacións varias veces na xornada polos continuos labores de desinfección e limpeza, que se terían que levar a cabo obrigatoriamente, así como polas restricións de uso doutras dependencias imprescindibles como aseos, duchas e vestiarios".
Os rexedores sosteñen que se valorou tamén "o prexuízo que causan as continuas achegas de auga e cloración que se deberán facer e o uso permanente de desinfectantes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.