Ningún concello galego ten o plan contra a seca que esixe a lei estatal e 20 están a elaboralo

A Xunta concede axudas de ata 15.000 euros para dotarse desta ferramenta e confía en que o próximo ano haxa 40 municipios con ela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2020 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

Ningún concello galego conta na actualidade cun plan de emerxencia contra a seca acorde coa Lei do Plan Hidrolóxico Nacional, de 2001, e só 20 están a elaboralo na actualidade, acollidos a unha liña de axudas da Xunta para esta fin aprobada o ano pasado e que o Goberno galego retoma en 2020.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentaron este mércores en rolda de prensa as axudas para este ano, que poden chegar ata os 15.000 euros e cuxa partida total ascende de novo a 250.000 euros. O Diario Oficial de Galicia deste mércores publica a orde correspondente.

A administración galega calcula que os municipios que están a traballar actualmente no seu plan terano listo en setembro e que o próximo ano serán 40 os concellos dotados con esta ferramenta.

Vázquez sinalou que é necesario "aprender" da seca que padeceu Galicia en 2017 e favorecer que os concellos conten con este instrumento "primordial" orientado a "pensar as accións" a futuro e "non improvisar" cando se presente unha situación de escaseza de auga.

A responsable de Augas de Galicia explicou que a situación é "de normalidade" polo momento na Comunidade galega (os encoros teñen unha ocupación media do 97,92 por cento), aínda que os caudais dos ríos están "un pouco máis baixos que a media" no últimos tres meses, algo que se notou especialmente na zona cantábrica.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en rolda de prensa xunto á directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez. CONCHI PAZ
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en rolda de prensa xunto á directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

Noticia tranquilizadora Señora Conselleira. Non se cumple a norma estatal?. Non mo creo