Destruido parte do arquivo municipal de Brión por un lume

O incendio orixinouse por un problema eléctrico e foi controlado grazas á rápida intervención do Grupo de Emerxencias Supramunicipal brionés

Por Galicia Confidencial | Brión | 17/06/2020 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

Parte do arquivo municipal de Brión viuse afectado seriamente por un lume que comezou na tarde deste martes. A rápida intervención dos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión permitiu minorar os danos, cuxa cuantificación está aínda pendente de peritación.

Parte do arquivo de Brión queimado por un pequeno incendio
Parte do arquivo de Brión queimado por un pequeno incendio | Fonte: Concello de Brión

A pesar da desfeita causada, o lume non afectou nin a documentación histórica nin a procedementos en tramitación, “só a un estante con documentos entre os anos 1979 e 1981”, segundo suliñou o rexedor de Brión.

A falta de confirmación por parte dos peritos, todo apunta a que o lume se iniciou nunha toma eléctrica dun deshumidificador, descoñecéndose se foi por problema da instalación eléctrica ou do propio aparato. O lume produciuse pasadas as 14:30 horas de onte martes, polo que as dependencias municipais estaban xa baleiras de persoal. Unha das persoas que estaba cun horario diferente foi a que escoitou a alarma e deu o aviso, o que permitiu unha rápida actuación.

O incendio xerou unha importante fumareda que afectou a todo o edificio, polo que o Concello de Brión empregou na tarde de onte o canón de ozono adquirido recentemente para o GES para desinfectar e quitar os olores na zona. O concello aínda ten que decidir como afrontar a limpeza dos numerosos cadros, cedidos polos participantes nos Encontros da Arte, que resultaron afectados pola cinza e polo fume. O alcalde adiantou que o Concello vai proceder tamén a unha revisión do sistema de alarma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta