Galicia recibirá 127 millóns para a construción de vivendas ata 2027

Supón o 5% dos fondos da Sareb.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2020 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

A Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) investirá 127 millóns ata 2027 para o desenvolvemento de 1.000 vivendas en Galicia, co que a comunidade recibirá o 5 por cento dos fondos destinados a este fin. A compañía destacou nun comunicado este mércores que a súa actividade, que realiza en colaboración con empresas locais, "contribúe á reactivación e dinamización" da economía.

Entre 2013 e 2019, a Sareb investiu en Galicia 15,9 millóns de euros no desenvolvemento de promocións residenciais nos seus chans e en finalizar proxectos que estaban sen acabar, de acordo cun informe da consultora EY sobre o seu impacto socioeconómico no devandito período. Ata o momento, a compañía leva executados 227 millóns de euros de investimento en toda España.

O informe calcula que o impacto económico da xestión dos inmobles da Sareb en Galicia foi de 93,4 millóns de euros entre 2013 e o ano pasado. A estimación inclúe os pagos a comunidades de veciños, os gastos de mantemento, a tributación polo Imposto de Bens Inmobles (IBI) e as cantidades abonadas a comercializadores. A cifra, engade, é o 3 por cento dos 2.661 millóns de euros de impacto total no Estado.

A Sareb lembra no comunicado que impulsa un programa de colaboración coas comunidades autónomas para facer fronte ao problema da vivenda social. Mantén coa Xunta un acordo polo cal pon a disposición do Goberno galego de forma temporal 50 vivendas para fins sociais.

En toda España puxo a disposición das institucións ata 10.000 inmobles e asinou convenios de cesión de vivenda social con case 30 administracións públicas, coas que ten comprometidas máis de 2.400 vivenda, das que poden beneficiarse 9.600 persoas. Ademais, 7.600 inmobles seguen dispoñibles para estes mesmos fins, agrega.

Edificio de vivendas en construción. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
Edificio de vivendas en construción. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta