O Parlamento Europeo admite a trámite a denuncia pola precariedade laboral no Sergas

"Un tirón de orellas a Feijóo sobre o modelo de xestión do Sergas", fala a portavoz en Europa do BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2020 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo confirmou a admisión a trámite da denuncia presentada polo colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita e o BNG pola precariedade laboral no sector sanitario público galego.

Nun comunicado, a formación nacionalista informou este mércores da decisión, que a súa portavoz en Europa, Ana Miranda, considera como "un tirón de orellas a Feijóo sobre o modelo de xestión do Sergas". A denuncia foille entregada á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, nunha xornada de traballo organizada por Miranda en decembro do ano pasado.

Grazas á visita das Enfermeiras en Loita e ao apoio de Zdanoka, a denuncia foi admitida, destacou Miranda, que considerou que "é demasiado escandaloso o grao de precariedade que existe no sistema sanitario galego e non podían negarse".

A representante nacionalista manifestou que os contratos eventuais "non dan resposta ás necesidades da sanidade pública galega", como xa quedou "patente" coa crise xerada polo coronavirus. Galicia, reclamou, necesita 8.000 enfermeiras máis, en especial se se teñen en conta o envellecemento da poboación, a "redución de servizos públicos sanitarios en determinadas zonas" e a emigración de profesionais do ramo "pola propia precariedade".

O colectivo de enfermaría, pola súa banda, afirmou que, aínda que é necesario esperar os resultados da investigación preliminar, o feito de que a Comisión de Peticións vaia atender o tema "non deixa de ser un xerro de auga fría sobre a xestión de recursos humanos do Sergas".

"Celebramos a noticia como un paso adiante", agregaron e mostraron a súa confianza en que "chegue a bo termo" e o Sergas tome medidas "que deriven nunha contratación máis estable e de maior calidade".

O BNG indicou que a propia Comisión de Peticións trasladou a documentación sobre a denuncia á Comisión de Emprego e Asuntos Sociais da Eurocámara, ao considerala de interese.

Enfermeiras protexidas con máscaras e lentes no Hospital Povisa de Vigo, do grupo Ribeira Saúde.. HOSPITAL POVISA
Enfermeiras protexidas con máscaras e lentes no Hospital Povisa de Vigo, do grupo Ribeira Saúde.. HOSPITAL POVISA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta